En portadaÚltima horaVídeos

O ritmo de Festicultores Troupe envolve a vila de Quiroga

Esta é unha das actuacións incluídas no apartado cultural da Feira do Viño, que é o único que se mantén da mostra

 

Ambiente festivo e moita animación, iso si mantendo en todo momento as medidas de seguridade, na tarde deste sábado 24 de xullo en Quiroga. Estaba previsto que nesta fin de semana a vila recuperase a súa tradicional Feira do Viño, pero dada a situación sanitaria actual a comisión organizadora acordaba hai uns días suspender “a parte da feira que concentra maior número de persoas: as casetas de venda de viño e o pregón”.

Pero decidíase manter o apartado cultural da mostra, que se poñía en marcha neste sábado 24 de xullo coa apertura no Auditorio Municipal da exposición das botellas dos viños que acudiron á maioría das feiras vitivinícolas de Quiroga, acompañadas dos carteis anunciadores.

Na vila vivíase unha animada tarde con público nas terrazas e nos establecementos de hostalaría, sempre respectando as medidas sanitarias, á que se lle engadía un punto festivo a partir das 21h. Nese momento, os Festicultores Troupe iniciaban dende o Auditorio un intenso percorrido musical por Quiroga levando o seu ritmo e animación pola vila, acompañados polo concelleiro de Cultura e Turismo, José Luis Rivera.

Os actos continuarán mañá con propostas como o concerto da banda de música Santádega ás 13h., o espectáculo de animación infantil “Ramona Órbita, a dona do tempo” ás 20h. a cargo do grupo Pakolas e logo a actuación da Charanga Louband.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button