DeportesÚltima hora

O roller derby, a versión máis ruda da patinaxe, regresa á Rúa esta fin de semana

O equipo vigués Sereas Bravas organiza unha xornada no pavillón polideportivo para o 13 de outubro
I Copa Federativa Galega de Roller Derby. /Foto: Olalla Piñeiro.

O ano pasado dábanse a coñecer e este ano regresan á Rúa para adestrar e tamén para atraer ao público, contando coa colaboración do Concello. O equipo vigués de roller derby Sereas Bravas, do que forma parte a ruesa Amparo Rodicio, organizou para esta fin de semana unha xornada de concentración preparatoria para as competicións nacionais e galegas que comezarán a finais de mes.

Tal como avanzan dende o equipo, a xornada do venres 12 de outubro (festivo nacional), será de adestramento a porta pechada, pero na do sábado día 13, abrirán as portas do pavillón de deportes do Aguillón e do deporte en si, a toda a poboación. Pola mañá haberá de novo adestramentos aos que poderá asistir como público quen así o desexe, e pola tarde chegará o espectáculo.

Como non é demasiado coñecido na zona, ás 16:30h. darán unha pequena charla sobre esta disciplina deportiva, coas xogadoras xa vestidas e vídeos, “para que a xente que vaia ao partido se faga unha idea do que vai ver”, puntualiza Amparo, engadindo que o partido comezaraá ás 17:15h.

 

Cartel da xornada de roller derby.

 

E será un encontro moi especial ao que titularon “Godello vs Mencía” con dous combinados formados por  xogadores e oficiais convidados de varios equipos masculinos e femininos: Lobishomes (Vigo), Jabatas e As Lobas de Morgana (Ourense), Lions (León), Kinkicharras (Salamanca) e Madriders (Madrid). Ademais do espectáculo deportivo haberá sorpresas, entre elas un sorteo de produtos e merchandising do equipo. As rifas poderán mercarse de forma anticipada no Bravo Lux e tamén no propio pavillón.

A grandes rasgos, o roller derby é un deporte de contacto, orixinario de EE.UU. que se xoga sobre patíns tradicionais ao rededor dunha pista, e consiste nun partido de dous tempos de trinta minutos cada un, onde dous equipos compiten entre si co obxectivo de anotar máis puntos que o contrario. Maioritariamente feminina e autoxestionada, trátase dunha disciplina “divertida, emocionante e dinámica, tanto para quen a practica como para o público”, aseguran dende Sereas Bravas.

 

Artigos relacionados

Back to top button