PolíticaÚltima hora

O RUA absterase na votación para escoller ao novo alcalde rues

Así o anunciaba o seu cabeza de lista, José Vicente Solarat, en rolda de prensa neste xoves 13 de xuño
José Vicente Solarat con outros membros da candidatura do RUA tras facer pública a decisión do partido de absterse./ Foto: Carlos G. Hervella.

Os dous concelleiros logrados polo RUA nas eleccións do pasado 26 de maio absteranse na votación para investir ao novo alcalde da Rúa na sesión plenaria que a nova corporación deste concello celebrará o vindeiro 15 de xuño. Así o vén de anunciar en rolda de prensa o cabeza de lista desta candidatura, José Vicente Solarat, na mañá do 13 de xuño.

“Onte, mércores, tivemos a reunión da candidatura do RUA para valorar as propostas que tiñamos enriba da mesa, neste caso do PSdeG-PSOE e do PP porque, desafortunadamente, o BNG negouse a reunirse con nós. Entón, tiñamos catro opcións pero dende o comunicado emitido onte polo BNG, das catro quedaban tres. A cuarta que se descartou era a de conformar un goberno tripartito segundo as propostas que lle tiñamos feito ao PSOE. Entón decidimos entre as outras tres opcións que nos quedaban, que eran votarnos a nós mesmos, absternos ou votar ao PP. Na votación os membros da candidatura decidiron por ampla maioría, é dicir, por once votos, absternos”, explicaba José Vicente Solarat.

Ademais Solarat comentaba que a partir de aí, “empezará o tempo de prórroga e os penalties”.

 

Artigos relacionados

Back to top button