En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O rural ourensán percorre a capital da provincia para pedir axudas directas polos graves danos das xeadas

Uns 1.500 persoas, segundo os convocantes, saen á rúa en Ourense nunha manifestación que remataba na Casa do Chocolate

Bombos e sachos tomaban as rúas da cidade de Ourense no mediodía do 23 de maio. Facíano para reclamar, unha vez máis (despois da tractorada celebrada o 19 de maio en Viana-A Gudiña) axudas directas para os agricultores, viticultores, gandeiros e apicultores afectados polas graves xeadas de finais de abril na provincia.

Unhas 1.500 persoas, segundo os convocantes, participaban nunha manifestación que partía ás once da mañá dende o Pavillón dos Remedios. Entre os participantes había numerosas persoas de comarcas como a de Viana do Bolo, tamén de Valdeorras, Monterrei e do Ribeiro. Todos portaban pancartas alusivas á necesidade de axudas directas para os produtores.

Dende os Remedios a manifestación iniciaba un percorrido que concluía na Casa do Chocolate, sede da Xunta de Galicia en Ourense. “Aquí está, aquí se ve, a xente do agro que está en pé”, era unha das consignas que cantaban ao longo do percorrido.

Á súa chegada a Casa do Chocolate, rozando ás doce do mediodía, procedíase á lectura dun manifesto no que expoñían a súa situación e as súas demandas. Despois, ás doce en punto, gardábase un minuto de silencio en repulsa polos atentados de Manchester, un acto no que saían ao exterior das instalacións a delegada da Xunta de Galicia en Ourense e diversos funcionarios.

Despois o xefe territorial de Medio Rural na provincia recibía aos manifestantes e, no intre de escribir estas liñas, tiñan previsto tamén manter unha xuntanza coa delegada da Xunta de Galicia en Ourense.

Nesta manifestación podía verse aos representantes dos sindicatos convocantes, así como a diferentes alcaldes de zonas afectadas como os de Viana do Bolo, A Rúa, Vilamartín, Ribadavia, A Teixeira ou ao tenente de alcalde de Verín. Ademais sumánbase a este acto reivindicativo os deputados autonómicos Davide Rodríguez (En Marea), de Manzaneda, e Noa Presas (BNG).

Este acto reivindicativo en defensa do sector vitícola e da castaña tralas xeadas, choivas torrenciais e sarabiadas, ten sido convocado por Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego, Fruga, UUAA ou a Asociación de Viticultores de Beade, entre outras organizacións, cunhas demandas que xa se veñen facendo públicas na manifestación de Ribadavia do pasado 13 de maio ou na tractorada do 19 de maio en Viana do Bolo-A Gudiña.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Máis información:
https://www.osil.info/os-afectados-polas-xeadas-reuniranse-finalmente-coa-conselleira-proxima-semana/

Artigos relacionados

Back to top button