ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Salón de Plenos do Concello da Rúa acolle a elección do novo alcalde

Compañeiros, familiares e veciños acompañaron ao socialista Luis Fernández Gudiña durante o acto

No mediodía do 24 de xuño, o Salón de Plenos do Concello da Rúa acollía a sesión extraordinaria coa elección de alcalde como único punto na orde do día. Unha sesión na que, segundo o pactado, Luis Fernández Gudiña foi elixido alcalde da Rúa.

Para acompañar a Luis neste solemne acto, polo cal gobernará o Concello durante os vindeiros dous anos, ata A Rúa se desprazaron numerosos compañeiros de partido de toda a provincia a quen o propio alcalde daba as grazas no seu turno de intervención. “Tanto aos meus compañeiros Carlos e Ana como a María, Germán e Avelino polo seu apoio no día de hoxe, como aos compañeiros de toda a provincia como Noela Blanco deputada no Parlamento, Alfredo García presidente da FEGAMP e alcalde do Barco, Miguel Bautista alcalde de Petín, Enrique Barreiro de Vilamartín, socialistas da contorna como Juan, Evaristo, Fernando, Tito, Tino, Celia, Eduardo,… o secretario provincial Raúl Fernández, o voceiro no concello de Ourense José A. Vázquez Barquero, o alcalde de Ribadavia, Caballero que vén dende Vigo…”

Un emocionado Luis, daba tamén as grazas aos “amigos e veciños que fixeron posible, co seu apoio hai dous anos, que hoxe poidamos asumir a responsabilidade de gobernar o noso concello” e de forma especial “á miña familia porque son os que sempre están aí para o bo e para o malo, e dan ánimo, e especialmente a dúas personiñas que hai dous anos chegaron ás nosas vidas, Leo e Mía, que son os que motivan e me dan a razán para que cando me levanto todos os días trate de loitar dende as miñas posibilidades para deixarlles un mundo mellor”.

Todos, tamén os membros da oposición, felicitaron ao novo alcalde da Rúa, con palabras de cariño e apertas, desexándolle o mellor nesta nova etapa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Máis información e fotos:
https://osil.info/luis-fernandez-gudina-toma-posesion-como-alcalde-da-rua/

Artigos relacionados

Back to top button