OurenseÚltima hora

O Santiago peregrino de acibeche das Burgas, “Peza de Abril” do Museo Arqueolóxico de Ourense

 

Santiago peregrino de acibeche das Burgas./ Foto: Fernando del Río.

 

Aparecía no berce da cidade de Ourense, á beira das surxencias termais das Burgas. Na denominada Casa dos Fornos, escavada polo arqueólogo Celso Rodríguez no 2005, atopábase a figuriña dun Santiago peregrino de acibeche. En concreto estaba entre as pedras dunha calzada medieval de seixos de río.

“Represéntase cunha longa túnica sobre a que leva un zurrón en bandoleira e porta nunha man o Libro das Escrituras, que o relaciona co seu papel evanxelizador. Os atributos que o caracterizan conteñen unha significación simbólica; así, o bordón no que se apoia o peregrino como se fose un terceiro pé, simboiza a Trindade, e a cuncha de vieira que decora o sombreiro é símbolo das boas obras que cada pregrino debe realizar tras a súa viaxe expiatoria ao santuario xacobeo”. Así describe a investigadora María del Pilar Núñez Sánchez esta obra, elixida como “Peza do Mes” de abril polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

No traballo publicado sobre esta figuriña, Núñez Sánchez resalta o seu reducido tamaño (3,2 x 1,6 x 0,7 cm) e o feito de “ter unha perforación transversal á altura da cintura”, o que indica que “moi probablemente se trate dunha doa que iría ensartada nun rosario elaborado polos artesáns do acibeche, que a partir do século XIII se establecen como gremio na rua compostelá da Acibechería”.

Na escavación na que saía á luz tamén se obtiñan diversos fragmentos cerámicos, de vidros, materiais de construión e un curioso conxunto de exvotos monetarios e epigráficos dedicados a Reve (Revve Anabaraego), divindidade indíxena romanizada; así como un ara dedicada ás ninfas por Calpurnia Abana Aeboso, entre outros restos.

Conta a investigadora que de camiño a Santiago ou xa no regreso, os peregrinos “paraban a descansar nos balnearios medievais das Burgas para, despois de visitar na Catedral a Capela do Santo Cristo, continuar a súa viaxe”.

E conclúe María Pilar Núñez que, xustamente nas termas curativas onde os devanceiros galaicos invocaban a Reve chegaban, séculos despois, xentes foráneas protexidas con amuletos ou “contando as doas dun rosario co santiño nas mans… e alí quedaron eses vestixios do noso pasado agochados pola terra e o vapor das fontes. Hoxe conviven connosco e son o noso presente, a nosa propia historia”.

Artigos relacionados

Back to top button