OurenseÚltima hora

O Santo Enterro encheu as rúas do Casco Vello de Ourense

O día grande da Semana Santa de Ourense chegou. A procesión do Santo Enterro ateigou as rúas da capital hoxe, 14 de abril, cara ás nove da noite . Os máis devotos e os curiosos achegáronse até a rúa Lepanto, no Casco Vello, para admirar a arte dos nove pasos que saíron. A procesión saíu da Catedral, seguiu pola Praza do Ferro, Santo Domingo, Parque de San Lázaro, Rúa do Paseo e Lamas Carvajal ata a Praza Maior.

En cabeza foi “A Santa Cea”, un paso do ano 1953 creado polo artista Pacero, e que representa aos doce apóstolos en torno á mesa pascual escenificando o momento da disputa porque un traizoou a Cristo.

Tras este paso, púidose admirar “A Flaxelación” que, como o seu propio nome indica, representa a Cristo atado nunha columna. Unha talla do Renacemento realizada polo mestre Sobrado no século XVI. Os encargados de portar esta imaxe foron os mozos da parroquia de San Pío X. Outra imaxe moi importante da Semana Santa Ourensá é a de Xesús Nazareno, que representa o camiño do Calvario de Cristo coa árbore da cruz ás costas e é portada pola Confraría do Paso de Xesús Nazareno.

O complexo procesional completábase coas imaxes do Santo Cristo do Perdón de Velle e o Santo Cristo, un retablo que é a copia exacta, a menor escala, do camarín e imaxe do Santo Cristo de Ourense e que é venerado na igrexa de San Pío X. Na súa parte traseira leva o busto da Virxe Dolorosa da capela do Cristo da Catedral. A “Urna del Sepulcro” ou Cristo Xacente, que data do século XIX, e é unha das pezas máis antigas que se conservan da Semana Santa da cidade e finalmente, “A Dolorosa”, unha talla do século XIX e que procesionalmente é portado e acompañado polas Damas da Catedral e os fieis.

Pechando o desfile, estiveron os pasos de “A Piedade”, que amosa a María na súa quinta angustia, acollendo a Cristo no colo, e a Cruz Espida, que está cuberta pola Sábana Santa e está acompañada das reliquias de Xesucristo (clavos, coroa de espiñas e o martelo). Esta cruz e as reliquias son portadas polas xentes parroquia de Cristo Rei.

Pero os pasos, fieis e costaleiros non foron os únicos presentes no Santo Enterro. Entre os camiñantes y penitentes, estiveron tamén diversas personalidades públicas, civís, relixiosas e militares. Entre elas, o bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o subdelegado do Goberno, Roberto Castro; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández ou o comisario da Policía Nacional, Antonio Álvarez, entre outros.

O acto rematou cunha solemne misa fraternal na Praza Maior, onde se reuniron todos os pasos cos seus portadores e os devotos.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button