Concellos

O secretario xeral de Emigración, na Habana

Presidiu unhas xornadas sobre a Lei de Galeguidade e participou no descubrimento da placa conmemorativa no edificio que albergou na capital cubana a Curros Enríquez

CasaCurros 01

O secretario xeral de Emigración, o ourensán Antonio Rodríguez Miranda, presidía este mércores 17 de xullo unha xornada técnica de presentación da Lei de Galeguidade, recentemente aprobada polo Parlamento de Galicia, na Habana (Cuba). Neste acto participaba boa parte da colectividade galega nesta cidade, encabezada polo presidente da Federación de Sociedades Galegas na República de Cuba, e membro electo da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas (máximo órgano de representación da Emigración galega no mundo), Sergio Toledo. Ademais no decurso deste encontro falouse sobre a posibilidade da unión de entidades presentes na illa.

Ademais nesta viaxe Rodríguez Miranda está coñecendo de primeira man as necesidades e inquedanzas de catro centros galegos da capital cubana. Así na xornada de [onte] martes, primeira da estadía de Miranda en Cuba, participou no descubrimento dunha placa conmemorativa da residencia do escritor Manuel Curros Enríquez nun edificio da cidade, estadía que tivo lugar entre 1894 e 1908. Na descuberta participou o Historiador de la Ciudad de La Habana, Eusebio Leal.

O secretario xeral tamén mantivo diversas xuntanzas técnicas para coñecer os detalles do desenvolvemento dos programas sociais de axudas individuais a cidadáns galegas e galegos residentes na illa, e outras con socios e directivas de colectividades presentes na capital para coñecer as súas inquedanzas e proxectos de futuro.

Texto: O Sil/Redacción

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button