PolíticaÚltima hora

O secretario xeral do PPdeG califica a Jesús Vázquez de “alcalde exemplo”

Os responsables do partido das cidades galegas reuníronse hoxe en Santiago para construír “un proxecto gañador”
Na imaxe, de esquerda a dereita: Jacobo Moreira, Martina Aneiros, Elena Muñoz, Jesús Vázquez, Miguel Tellado (centro), Agustín Hernández, Rosa Gallego e Xaime Castiñeira.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, mantivo hoxe unha reunión cos diferentes responsables municipais do partido nas cidades galegas de cara a comezar a construír “desde xa” un proxecto gañador e de goberno para as próximas eleccións municipais. Así, lamentou que a meirande parte delas sexan “vítimas” de gobernos que van camiño de levalas a todo un mandato perdido.

“Cunha honrosa excepción”, matizou, a de Ourense, cun alcalde ao que cualificou de “exemplo” para todos os rexedores de Galicia. Así, sinalou que a labor de Jesús Vázquez non é fácil, “posto que nunca é doado gobernar en minoría, pero é aínda máis difícil facelo cando enfronte hai unha oposición irresponsable e instalada no bloqueo”.

Tellado indicou que o rival dor próximos tempos seguirá e ser o populismo “xa sexa na súa vertente de dereitas, de estrema esquerda socialista”, e subliñou que a única alternativa posible a esta forma de facer política é a que ofrece o PPdeG. Das forzas que denominou “populistas”, quixo subliñar que “2015 foi o ano do seu ascenso, pero 2016 serviunos para saber que os galegos canto máis os coñecen, menos os votan”.

Tomando como referencia os resultados do pasado 25 de setembro, o secretario xeral opinou que “a meirande parte de galegos na meirande parte de concellos” están dispostos a confirmar nun modelo fundamentado na responsabilidade, o rigor na xestión e o crecemento, por iso ve necesario poñerse a traballar de inmediato para poñer á súa disposición un proxecto serio, crible e do que se poidan fiar. “Porque a confianza dos cidadáns non se consegue nunha campaña electoral, senón que se constrúe con vocación de servizo do día a día”, recalcou.

Para rematar, tellado anunciou que este tipo de reunións terán continuidade no tempo, porque estes foros, dixo, “serven para aproveitar sinerxías” que poidan dar entre as diferentes agrupacións, xa que entende que as cidades teñen “problemas comúns aos que darlle solucións comúns”. De igual xeito, tamén avanzou que tanto o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, como el mesmo, manterán encontros de traballo similares en localidades de toda Galicia.

No mesmo sentido, o secretario xeral concluíu que os populares son o “único partido en Galicia” que pode manter xuntanzas deste tipo en Galicia xa que tamén “é o único que ten unha estrutura cohesionada, mantén o mesmo discurso en todas as cidades e non ten alcaldes ou portavoces enfrontados á dirección autonómica”.

Artigos relacionados

Back to top button