En portadaGalerías de fotosOurenseÚltima hora

O sector do audiovisual dase cita en Ourense co inicio do 21OUFF

A estrea mundial de “Santoalla” rexistra o primeiro cheo de sala do festival, que se prolongará até o 5 de novembro

Gran expectación no arrinque do Festival Internacional de Cine de Ourense. O Auditorio Municipal converteuse na noite do venres 28 de outubro no epicentro do mundo da cultura coa acollida de profesionais do sector do audiovisual e de centos de persoas que se achegaron para coñecer de preto o evento. O filme documental “Santoalla”, de Andrew Becker e Daniel Mehrer, foi o encargado de erguer o pano nun festival que acada a súa vixésimo primeira edición con grandes novidades: a incorporación de dúas seccións en competición, a iberoamericana e a de óperas primas, e a proxección de 21 premières que se estrean en Ourense para toda España. O novo equipo organizador, dirixido polo asturiano Fran Gayo, está detrás deste evento que promete consolidarse “sen perder nunca de vista o amor por isto que facemos”, apuntou o director na gala inaugural.

Tras os discursos dalgúns convidados e das autoridades, a gala deu paso á proxección do documental “Santoalla”, un filme baseado na vida real de Martin Verfondern e Margo Pool, unha parella de holandeses que se trasladaron a unha pequena aldea do Concello de Petín coa idea de comezar unha vida de cero, rodeados da natureza máis pura. Contou coa colaboración de Margo, que relatou perante a cámara a súa versión de como evolucionaron as súas vidas alí, a aparición de conflitos coa única familia residente na localidade e a posterior desaparición de Martin, tras anos de polémicas.

O 21 OUFF botou así a andar co obxectivo de recobrar a maxia de sentarse en familia baixo un mesmo foco, poñendo o contrapunto a unha era centrada no consumo individual e privado a través de todo tipo de pantallas. Á gala inaugural, presentada polos xornalistas Marta Gómez e Ángel Suanzes, asistiron tamén representantes das institucións públicas: o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, entre outros.

Do mundo do audiovisual destactou a presenza de convidados como Sergio Trefaut, director de “Treblinka”; Mercedes Moncada, á que se lle adica un dos Focos do 21 OUFF; Maialen Beloki e Miguel Valverde, membros do xurado da Competición Óperas Primas; Miriam Reyes, Manu Yáñez e Luis López Carrasco, xurado da Competición Iberoamericana; e cineastas e representantes do audiovisual galego como Xisela Franco, Beli Martínez ou Lois Patiño. Tamén acudiron os directores de “Santoalla” para arroupar a estrea mundial deste documental. O bo cinema inundará as salas de Ourense até o 5 de novembro.

Texto: Sara Fontenla.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button