En portada

O sector da castaña e as Administracións fan fronte común contra a praga do castiñeiro

Representantes da IXP Castaña de Galicia e de Proagrosilga teñen prevista unha reunión coa Conselleira de Medio Rural o 14 de xullo
Imaxe dun souto de castiñeiros./ Foto: Carlos G. Hervella
Imaxe dun souto de castiñeiros./ Foto: Carlos G. Hervella

A praga da chamada avispilla do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) continúa avanzando. De feito, xa se detectaron os primeiros focos en Galicia: nas provincias de Coruña (Monelos e Novexilde, San Román-Val do Dubra), Lugo (Campus Universitario de Lugo, Pedreira-Abadín e Fonteira-O Corgo) e na de Ourense (Barbadás, Esgos e Amoeiro).

“Tense localizado en planta nova non autorizada”, explica o valdeorrés Francisco Barredo, presidente de Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia (Proagrosilga).

As alarmas saltaban no sector hai xa un par de meses, ao detectarse un foco en Andalucía, e dende entón estase a traballar para buscar solucións ao problema, evitando así que poda chegar a producir as graves consecuencias que tivo noutros países como é o caso de Italia ou Francia, onde a sufren dende hai unha década.

Así o pasado 30 de xuño tiña lugar unha reunión sobre este tema no Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama). Nela participaban os membros da Mesa Estatal do Castiñeiro e responsables do ministerio, en concreto, José María Cobos, subdirector xeral de Sanidade e Hixiene Vexetal e Forestal, e Valentín Almansa, director xeral da Sanidade da Producción Agraria.

“Hai boa disposición por parte do Ministerio e vaise a constituír unha mesa de traballo para ver como se afronta este tema”, sinala Francisco Barredo, que foi o representante do sector galego da castaña neste encontro. Nel tamén se confirmou que a medida máis eficaz é a loita biolóxica con outro insecto: o Torymus sinensis. “O que sucede é que non hai suficientes individuos, entón habería que crialos ou mercalos. A intención é comezar a facer soltas de forma combinada nas diferentes comunidades autónomas no vindeiro ano”, continúa.

Ao mesmo tempo, o sector galego está a facer un seguemento continuo da evolución da praga en colaboración coa Administración galega e cos Centros de Investigación (Estación Fitopatolóxica de Areeiro e Centro de Investigación Agroforestal de Lourizán). Nstes centros estase xa traballando para poder suministrar o Torymus ao sector en canto se consiga cumprir cos protocolos e prazos necesarios. Ademais os representantes da IXP Castaña de Galicia e de Proagrosilga teñen prevista unha xuntanza para abordar esta problemática coa conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, o vindeiro 12 de xullo.

“Hai boa disposición por parte do Ministerio e por parte da Xunta, co cal estase demostrando unha sensibilidade especial cara este tema”, continúa Barredo. Resalta que é “unha praga moi activa e moi violenta para o castiñeiro, pero, loitando e con medios, pódese atallar”. Por iso incide en que isto require “dunha colaboración entre Administracións, asociacións de produtores e os productores”.

Tamén en Portugal se ten detectado en xuño a avispilla en Barcelos. Neste senso o goberno luso a través do Ministerio de Agricultura vén de emitir un comunicado informando sobre a gravidade da praga, identificando os seus síntomas e como afecta á arbore (ver http://www.drapn.mamaot.pt/drapn/fitosanidade/vespa_castanha/index.html).

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button