En portadaÚltima hora

O sector da castaña do oriente ourensán e do sur de Lugo, tamén afectado polas xeadas

A IXP Castaña de Galicia, que está recabando datos, sinala que as zonas máis afectadas son as de Viana do Bolo, Verín, Valdeorras e Ribeira Sacra

Aínda se están a recabar datos e a comprobar o grao de afectación, pero o que resulta evidente é que as xeadas de finais de abril tamén danaban, e nalgúns casos de xeito considerable, aos castiñeiros do oriente ourensán e da zona sur de Lugo. Así o confirman dende a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia (IXP), que nestes días está recollendo información das diferentes zonas da comunidade a fin de coñecer de forma exacta en que medida se viron danadas.

“Hai danos no castiñeiro en Valdeorras, en Viana do Bolo, en Verín, na Ribeira Sacra, por exemplo en Chantada, no Saviñao… Por esas partes hai queimaduras de moito nivel nalgún sitio. A través do consello regulador estamos recollendo datos por distintas zonas para poder facer unha estimación”, aseguran dende a IXP Castaña de Galicia.

Dende Proagrosilga (Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia) tamén se confirman eses danos no castiñeiro e, especialmente, nas novas plantacións. “Estannos chegando noticias, sobre todo da zona de Viana e do sur de Lugo, pero non podemos, polo momento, cuantificar ese dano. Sabemos que os castiñeiros xoves, que son os máis sensibles, foron os que sufriron máis, pero descoñecemos se é  a folla a afectada ou o brote porque haberá zonas máis temperás e outras máis tardías. Tampouco sabemos agora mesmo se é un dano que se poda recuperar ou non”, asegura o presidente desta entidade, o valdeorrés Francisco Barredo.

Na súa visita á D.O. Monterrei o pasado día 3 de maio, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, preguntada especificamente sobre os danos das xeadas no castiñeiro galego apuntaba que “o tempo é cambiante, no verán pasado tivemos temperaturas moi altas sen choiva, levamos un inverno que vai pola mesma liña e iso fai que as floracións sairan entre 20 e 30 días antes do que deberían, pero ao final as xeadas tamén acuden e afectoulle neste caso á vide e estalle  afectando ao resto da horta e tamén ás distintas froiteiras. Chegarán peticións e agardemos que haxa un mínimo de estabilidade, que chova un pouco, que as temperaturas vaian ao compás do que deben ser as estacións e de ser quen no verán de ver como se recupera todo”.

As tres primeiras fotos da galería son de castiñeiros danados na provincia de Lugo (imaxes cedidas pola IXP Castaña de Galicia), o resto son de soutos do oriente ourensán (fotos de Carlos G. Hervella).

Artigos relacionados

Back to top button