En portadaÚltima hora

O sector da lousa reúnese para analizar a situación ante a crise do coronavirus

Os servizos de prevención de cada unha das empresas asociadas "xa elaboraron protocolos de actuación adaptados ás características específicas de cada compañía”, segundo o presidente desta entidade empresarial, Víctor Cobo

 

As empresas pertencentes á Federación Nacional da Pizarra mantiñan unha xuntanza esta tarde en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) para analizar a situación actual do sector, ante a crise sanitaria provocada polo coronavirus.

Ao termo da xuntanza, o presidente da federación, Víctor Cobo, declaraba que “para nós a saúde dos traballadores é o primeiro. Por iso, os servizos de prevención de cada unha das empresas asociadas xa elaboraron protocolos de actuación adaptados ás características específicas de cada compañía”, engade.

Ademais, nos seguintes días, a Federación ten previsto estudar polo miúdo as medidas económicas aprobadas polo Goberno de España. “Garantir a saúde dos traballadores é o primero”, asegura Cobo, “pero tamén é importante asegurar a viabilidade das empresas e manter os postos de traballo”. Ademais sinala que a lousa é un sector industrial que, como moitos outros, a día de hoxe segue en plena actividade.

O presidente da Federación Nacional da Pizarra anunciaba así mesmo que nos vindeiros días o sector volverá a reunirse para adoptar “as medidas que procedan, pensando sempre na saúde dos traballadores, no mantemento do emprego e na supervivencia das empresas”.

Finalmente Cobo apelaba a que sexa o sector “o que decida os seus propios tempos, e non organizacións alleas que non teñen responsabilidade no mesmo”.

Artigos relacionados

Back to top button