En portada

O sector galego da castaña reúnese en Rubiá

Prevese unha campaña boa en calidade e en cantidade que comezará a finais de outubro
Un dos momentos da asemblea de Proagrosilga./ Foto: Carlos G. Hervella.
Un dos momentos da asemblea de Proagrosilga./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Casa da Cultura de Rubiá acollía na tarde do 18 de setembro dúas reunións do sector galego da castaña, no marco das xuntanzas itinerantes que se veñen realizando neste ano en zonas produtoras da comunidade. Así en torno ás seis da tarde daba comezo unha asemblea da Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia (Proagrosilga), entidade que preside o valdeorrés Francisco Barredo. Despois dela, tiña lugar un pleno do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, cuxo presidente é Jesús Quintá.

En ambas xuntanzas abordábanse, entre outras cuestións, ás relativas á vindeira colleita, que se prevé que comece a finais de outubro. “Fixemos unha valoración da campaña próxima en canto a quilos e calidade. Todos pensamos que se a climatoloxía segue como ata agora imos a ter unha boa campaña, en canto a calidade e en cantidade”, sinala Francisco Barredo.

Pleno da IXP Castaña de Galicia na Casa da Cultura de Rubiá./ Foto: Carlos G. Hervella.
Pleno da IXP Castaña de Galicia na Casa da Cultura de Rubiá./ Foto: Carlos G. Hervella.

Outro dos puntos tocados foi a problemática da comercialización ilegal deste produto. Neste senso, dábase conta da entrevista mantida hai unhas semanas co delegado do Goberno en Galicia e á delegada especial de Facenda na comunidade, así como coa conselleira do Medio Rural. “A Administración vai tomar medidas nesta campaña e nós imos colaborar con ela. Imos informar a todo o sector por carta de que vai haber controis da Administración sobre o produto, haberá inspeccións e tamén sancións. Temos o problema de moita xente que está comprando en B e isto perxudica ao sector”, sinala Jesús Quintá.

Estas dúas xuntanzas remataban cunha degustación gastronómica con produtos elaborados con castaña, entre outros, que se servía na Cafetería Eclipse de Rubiá.

Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button