EconomíaEconomíaÚltima hora

O sector mineiro galego lanza a marca “Minaría Sostible de Galicia”

Nesta iniciativa, que vén de presentarse na Cidade da Cultura, participa o Clúster da Pizarra de Galicia, entre outras entidades
Imaxe da presentación en Santiago da marca “Minaría Sostible”.

Baixo o selo “Minaría Sostible de Galicia” este sector vén de presentar na mañá do 12 de febreiro na Cidade da Cultura de Santiago as súas propostas de divulgación e promoción. Trátase dunha iniciativa “sen precedentes” dunha industria que opera directamente no medio rural galego e que ten un valor capital para a economía da comunidade, cunha achega do 0,7% (416 millóns de euros) ao PIB galego e que representa o 1% do emprego total da comunidade (11.200 postos de traballo), segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

A marca Minaría Sostible de Galicia nace a raíz dunha iniciativa da Cámara Mineira de Galicia da que tamén participan os seguintes grupos: Clúster da Pizarra de Galicia, Asociación Galega de Áridos (Arigal), Asociación Galega da Propiedade Balnearia, Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural, Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, Asociación Provincial de Graniteiros de Ourense, Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía (Universidade de Vigo), Colexio Oficial de Xeólogos, Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste e Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Minas de Galicia

A presentación desta marca reunía a máis de cen asistentes pertencentes a empresas mineiras, enerxéticas e relacionadas coa actividade extractiva, que son estratéxicas para a economía da nosa comunidade e que dependen directamente dos recursos minerais. Entre eles estaban o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; e o director xeral de Enexía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces.

Conde aseguraba que esta iniciativa ten por obxectivo poñer o acento sobre unha industria estratéxica para a economía galega, especialmente no rural, respectuosa co medio ambiente e economicamente sostible. Ademais avogou por un “aproveitamento racional, ordenado e eficiente dos recursos” e subliñou que a xeografía galega presenta un enorme patrimonio xeolóxico que converte a Galicia na terceira autonomía española en produción mineira, co 14% do total.

Galicia produce o 41% das rochas ornamentais do conxunto estatal, sendo líder mundial en produción de lousa e tendo no granito un material ecolóxico e impulsor da economía galega. Na súa intervención, o conselleiro destacou ademais a implantación no medio rural a vertente innovadora desta industria, destacando que a maior parte das empresas mineiras que operan en Galicia son de capital galego, sendo o 97% dos titulares de dereitos mineiros pequenas e medianas empresas.

Artigos relacionados

Back to top button