ConcellosÚltima hora

O sector servizos frea nos veráns o deterioro laboral na comarca de Viana

É a cuarta comarca ourensá menos debilitada pola crise dende a perspectiva laboral, segundo o último informe do Observatorio Económico Ourensán
O xerente do Inorde co alcade de Viana, Secundino Fernández, e a tenente alcalde de Vilariño de Conso, Melisa Macía" .
O xerente do Inorde co alcade de Viana, Secundino Fernández, e a tenente alcalde de Vilariño de Conso, Melisa Macía” .

A comarca de Viana (que inclúe aos concellos de Vilariño de Conso, Viana do Bolo, A Gudiña e A Mezquita) gaña a batalla ao desemprego grazas ao tirón estacional do verán, que fai repuntar máis dun 5% a contratación no sector servizos, colocándoa como a única zona da provincia ourensana na que se contabilizan menos persoas desempregadas que antes da crise. É unha das conclusións que se desprenden do último estudo do Observatorio Económico Ourensán, presentado o 12 de abril en Viana do Bolo polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, e a tenente de alcalde de Vilariño de Conso.

Segundo estes datos, o mercado laboral desta área presenta un comportamento “marcadamente cíclico” con recuperacións importantes do emprego durante os meses do verán, que logran contrarrestar a caída de proporcións similares que se rexistra a finais de ano. Isto fai que a maior estabilidade laboral se concentre no primeiro semestre do ano.

Nesta liña, o xerente do Inorde explicou que a recuperación cíclica do emprego entre xullo e setembro se debe á hostalaría, ao turismo e ao retorno dos residentes noutras zonas. E comparou este comportamento ao desenvolvemento que se rexistra tamén na zona do Ribeiro. “Só existe unha estacionalidade tan acentuada na comarca ourensá do Ribeiro, no terceiro trimestre de todos os anos”, dixo, e engadiu: “pero neste caso o protagonismo está na viticultura e non nos servizos”.

En canto ás afiliacións, o impulso estival permite recuperar siempre a barreira das 1.800 afiliacións e en termos porcentuais, o sector servizos impulsa o 65% do mercado. Contrarresta así o descenso rexistrado na construción (1%), na agricultura (3,3%) ou na industria (9,8%).

Este equilibrio fai, sempre segundo as cifras do Observatorio Económico Ourensán, que Viana se coloque como a cuarta comarca da provincia menos debilitada pola crise.

Por outra banda, no acto celebrado no Concello de Viana do Bolo tamén se deron a coñecer as estatísticas locais referentes ás pensións, que acadan un importe medio de 716 euros, o cuarto máis elevado da provincia por detrás de Ourense, Valdeorras e Trives.

Artigos relacionados

Back to top button