OurenseÚltima hora

O Senado aproba unha proposta para declarar Patrimonio Cultural Inmaterial ao Couto Mixto

Luis García Mañá, o senador socialista ourensán impulsor da iniciativa, vén de amosar o seu agradecemento a todos os grupos polo acordo acadado de forma unánime e destaca “o singular interese cultural deste territorio” transfronteirizo

 

Estatua dedicada a Delfín Modesto Brandón, derradeiro xuíz do Couto Mixto, en Santiago de Rubiás./ Foto: José Rodríguez Cruz.

 

Neste ano 2018 cúmprese o 150 aniversario do acordo hispano-luso que poñía fin ao Couto Mixto, un territorio situado entre Ourense e Portugal, co que “se finiquitou un soño, unha utopía de convivencia, permanecendo na memoria colectiva dos seus veciños que, con nostalxia miran ao pasado, lamentando a perda dos seus privilexios sen ter participado nos acordos bilaterais dos reinos veciños”, di o senador socialista por Ourense Luis García Mañá. No marco deste aniversario este representante impulsaba unha iniciativa para pedir a declaración como Patrimonio Cultural Inmaterial do Couto Mixto.

Na mañá do 8 de novembro a Comisión de Cultura e Deporte do Senado aprobaba de forma unánime, una emenda transaccional redactada sobre a base da citada moción socialista. O texto finalmente aprobado establece “instar ao Goberno a que, previa aprobación polo Consello de Patrimonio Histórico e do seu grupo de traballo de Patrimonio Mundial e Inmaterial, apoie e defenda nas instancias internacionais oportunas, a inscrición da candidatura do Couto Mixto na lista representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO, en base ao coñecemento da súa peculiar historia, as súas tradicións, usos sociais e rituais nun contexto paisaxístico natural e cultural que permanece indeleble na memoria dos seus habitantes”.

 

O senador socialista por Ourense Luis García Mañá.

A nova redacción engade tamén que “con esta declaración como patrimonio Cultural Inmaterial pretendemos dar maior visibilidade a aqueles territorios que, como o Couto Mixto, demostran a proximidade lingüística, cultural, social e económica con Portugal”.

O impulsor desta iniciativa amosaba o seu agradecemento a todos os grupos da Comisión senatorial polo acordo acadado, por tratarse “dun territorio de singular interese cultural”.

Artigos relacionados

Back to top button