PolíticaÚltima hora

O senador Avelino García (PP) reúnese co ministro do Interior para retomar a implantanción da oficina de estranxeiría en Valdeorras

Farase un novo estudo tendo en conta “non só o número de DNIs que se están facendo actualmente senón as necesidades da comarca”
O senador popular, Avelino García Ferradal, na rolda de prensa celebrada na Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

O ministro de Interior Juan Ignacio Zoido “comprometeuse a retomar o tema dunha oficina de estranxeiría e de DNI para Valdeorras”. Así o aseguraba o senador popular Avelino García Ferradal, na mañá do 13 de abril, na rolda de prensa celebrada no Concello da Rúa.

No acto, García Ferradal explicou que mantivera unha reunión co ministro á que tamén asistía o voceiro popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro, para “falar da necesidade dunha oficina de estranxeiría en Valdeorras”, asegurando que na comisión de Interior onde se presentara, esta iniciativa “non estaba avalada por ningún informe sólido e o da Policía era bastante frouxo en canto a DNIs e Pasaportes que se podían facer ao día”.

O obxectivo da reunión é “reforzar o que se está pedindo dende os Concellos de Valdeorras tal como propuxen no seu día e así llo fixen saber ao ministro que o viu con moi bos ollos, de feito comprometeuse a retomar o tema”. Para iso farase un novo estudo téndose en conta non só o número de DNIs que se están facendo nestes momentos senón as posibles necesidades da comarca de Valdeorras, así como das da contorna que se poidan beneficiar como Quiroga, Viana ou Trives.

 

O ministro do Interior Juan Ignacio Zoido co senador Avelino García e o voceiro do PP no Senado Xose Manuel Barreiro.

“Teño o compromiso do ministro Zoido, de feito, encargoume que faga o seguimento para que sexa unha realidade o antes posible e non quede nun caixón. Creo que visto o visto, chegamos ao punto máis alto que é o ministro directamente, e espero que pronto teñamos moi boas novas neste ámbito para Valdeorras”, concluíu Avelino aproveitando para facer un chamamento “aos señores do PSOE para que falen cos seus superiores para aprobar os presupostos do Estado”. García Ferradal recoñeceu que “non son sobresaíntes pero contribuirán á posta en marcha de obras na comarca de Valdeorras: 7,5 millóns (3 millóns de euros para a Circunvalación do Barco; 1 millón para a rehabilitación do firme na N-120 e N-536; 500.000 euros para a remodelación do enlace de A Rúa; e 3 millóns para a A-76 A Veiga de Cascallá-O Barco)”.

Artigos relacionados

Back to top button