SanidadeÚltima hora

O Sergas activará un novo teléfono para os visitantes que presenten sintomatoloxía Covid-19

Trátase do 881 00 20 21 e dende o mesmo poderán recibir toda a información que precise en cada momento

A partir de mañá, luns, 22 de xuño, a Consellería de Sanidade activará un novo teléfono específico para atender a todas aquelas persoas que visiten Galicia nos vindeiros meses e que evidencien sintomatoloxía Covid-19 durante a súa estadía na comunidade.

Con esta nova medida búscase “extremar o diagnóstico precoz no territorio galego, ante a apertura das fronteiras, adiantada polo Goberno central, e a ausencia de limitacións na mobilidade das persoas”, di a consellería. Ademais preténdese “facilitar que calquera persoa que visite Galicia nas vindeiras datas, e presente síntomas, poida contactar dun xeito sinxelo cos profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e que estes podan decidir dun xeito áxil tanto á realización das probas de detección da Covid-19 que consideren necesarias, como o seu tratamento, no caso de ser preciso”.

Así, no caso de que unha persoa que visite Galicia perciba algún dos síntomas propios da covid-19, esta poderá chamar ao novo número de atención 881 00 20 21 activado polo Servizo Galego de Saúde e, desde o mesmo, recibir toda a información que precise en cada momento.

Aínda que a persoa que presente sintomatoloxía Covid-19 non dispoña da tarxeta sanitaria galega, o Sergas asignaralle unha cita cun profesional sanitario que, tras unha consulta telefónica inicial, poderá determinar o que proceda e, no seu caso, solicitar a proba diagnóstica que considere precisa.

“No caso de que o resultado da proba sexa negativo, simplemente se lle informaría do seu resultado e lembraranse o conxunto de recomendacións hixiénico-sanitarias que ten establecidas a Xunta de Galicia. Non obstante, de confirmarse un caso positivo, o profesional sanitario continuará co proceso establecido, ademais de activarse, de ser posible, o sistema de seguimento domiciliario TELEA”, asegura Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button