SanidadeÚltima hora

O Sergas asegura que o HCV ten “6 xornadas de consultas de rehabilitación á semana e mantén o mesmo número de fisioterapeutas”

A EOXI de Ourense, Verín e O Barco vén de emitir unha nota de prensa en resposta ás críticas realizadas dende Disvalia sobre o funcionamento deste servizo no hospital valdeorrés
Entrada principal ao Hospital Comarcal Valdeorras no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

En resposta ao comunicado emitido o 20 de novembro pola asociación Disvalia na que amosaba o seu malestar polo funcionamento do servizo de Rehabilitación no Hospital Comarcal Valdeorras no Barco, o Sergas vén de remitir aos medios unha nota de prensa na que asegura que a “estrutura de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Ourense permite, desde hai xa mais de cinco anos, manter o servizo de Rehabilitación no HCV, grazas a colaboración dun grupo de rehabilitadores, catro, que se desprazan case diariamente ao Barco para ofertar seis xornadas de consultas á semana”.

Ademais dende o Sergas indícase que “tanto as consultas como as sesións de tratamento están coordinadas a nivel provincial polo Servizo de Rehabilitación do Hospital Universitario de Ourense que, con carácter de área, oferta a mesma carteira de servizos, e coa mesma calidade asistencial, a tódolos seus pacientes, indistintamente do centro de atención, destacando precisamente o hospital do Barco pola súa accesibilidade a primeiras consultas, por debaixo dos 15 días”.

A xerencia da EOXI de Ourense, Verín e O Barco tamén lamenta que as críticas vertidas por Disvalia “dean por certo afirmacións ou queixas -dous pese a ser miles os pacientes tratados- sen base real e, por riba de todo, poñan en entredito a extraordinaria calidade profesional e humana dos facultativos deste servizo. Esta especialidade médica é como se sabe carencial en todo o estado, polo que a colaboración voluntaria destes profesionais permiten manter este servizo no centro hospitalario mais próximo aos valdeorreses, solución que facilita precisamente a súa pertenza a unha mesma área sanitaria”.

Máis información:
https://osil.info/disvalia-manifesta-o-seu-malestar-polo-funcionamento-do-servizo-de-rehabilitacion-do-hcv/

Artigos relacionados

Back to top button