SanidadeÚltima hora

O Sergas considera que a poboación de Rubiá “continuará axeitadamente atendida” cun médico de familia

Tamén sinala, a través dun comunicado de prensa, que o “Hospital Comarcal de Valdeorras non perde ninguna praza de internista”
Panorámica da localidade de Rubiá./ Foto: Carlos G. Hervella.

En resposta á recollida de sinaturas que se está a realizar en Rubiá pedindo o mantemento de dúas prazas de médico de familia neste concello valdeorrés, o Sergas vén de emitir un comunicado sinalando que “o Centro de Saúde de Rúbiá ten a data de hoxe 1.025 (incluíndo os pacientes de centros da terceira idade) usuarios. Pese a este reducido número de poboación, ata hai pouco contaba con dous médicos. Polo que, concidindo coa xubilación dun deles (que atendía a un cupo de 330 pacientes) a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras procedeu a integralos nun único cupo médico”.

Neste senso a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco considera que “a poboación de Rubiá continuará axeitadamente atendida, cunha media de pacientes/médico moi inferior á media provincial -un médico por cada 1.200 usuarios- e moito mellor que a considerada, segundo tódolos estándares, como óptima, de 1 médico por cada 1.500 usuarios”.

Tamén se matiza dende o Sergas que “hai que subliñar que o devandito cupo de 330 pacientes, estaba a ser atendido por un médico do antigo modelo asistencial (APD) con só dúas horas e media de consulta, praza que agora reconvertirase nunha de novo modelo, a xornada completa, o que sen dúbida repercutirá no beneficio público, garantindo ademais o mantemento dos recursos humanos da sanidade pública da provincia Ourense”.

 

Internistas do HCV

Na mesma nota de prensa, o Sergas asegura que o “Hospital Comarcal de Valdeorras non perde ninguna praza de internista. Non se pode confundir o traslado de internistas, por mor do recente concurso, con perda de prazas ou persoal médico no Hospital”

E sinala que “das dúas prazas que quedaron vacantes neste concurso, una vén de ser cuberta, e a outra o será nos próximos días, unha vez conclúa o proceso de acoplamentos que está tendo lugar en toda Galicia, e que por tanto produciu cambios de profesionais en todos os hospitais do Sergas”.

Artigos relacionados

Back to top button