SanidadeÚltima hora

O Sergas di que “todos os servizos do HCV manteñen unha organización de gardas que garante a asistencia urxente”

A EOXI de Ourense, Verín e O Barco vén de emitir unha nota de prensa en resposta ás declaracións da deputada nacionalista Noa Presas
Exterior do Hospital Comarcal Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

En resposta ás declaracións desta mañá da deputada nacionalista Noa Presas sobre a sanidade en Valdeorras, dende a Xerencia de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Verín e O Barco vén de emitirse un comunicado de prensa no que se di que “o Hospital Comarcal de Valdeorras (HCV) mantén sen cambios o número e tipo de gardas médicas o que permite garantir a súa actividade en horario urxente: é dicir un profesional de presenza física en Medicina Interna os 365 días do ano, e un de garda localizada tamén tódolos días do ano, en Anestesia, Cirurxía, Traumatoloxía, Xinecoloxía, Pediatría, Radioloxía, Análises Clínicos, Oftalmoloxía e Hematoloxía e, coincidindo cos seus días de programación cirúrxica, de Uroloxía e Otorrinolaringoloxía. Todas elas se manteñen”.

Ademais o Sergas asegura que o HCV “mantivo nestes anos o número dos seus facultativos” e que “incrementou notablemente a súa carteira de servizos logrou aumentar a súa oferta de especialidades médicas”, ademais de indicar que a Área Sanitaria única en Ourense, “sen ningunha dúbida, vén de axudar a manter esta carteleira de gardas, xa que nun momento tan complicado como o actual para atraer determinados especialistas está sendo posible manter estas presenzas contando co esforzo dos profesionais do Hospital Comarcal de Valdeorras e co apoio dos profesionais do CHUO. Mostra desta colaboración son as gardas de Traumatoloxia e Medicina Interna”.

No que respecta á cobertura de especialistas de Traumatoloxía de presenza localizada no hospital valdeorrés, esta cobertura, din dende a EOXI, “mantívose e mantense, a pesar das dificultades coñecidas na disposición no mercado laboral destes especialistas. Grazas ao esforzo continuado dos traumatólogos do centro púidose manter a actividade de consultas, hospitalización, cirúrxica e de gardas no Hospital Comarcal de Valdeorras, axudados de forma puntual por especialistas do Hospital Universitario de Ourense que se desprazaron ao Barco para manter esta cobertura, a pesar dos permisos correspondentes e das festas de Nadal. Dita cobertura non se deixou de dar en ningún momento, pero para poder conseguilo, en datas puntuais e sempre comunicados ao xefe de garda, modificouse o circuíto de contacto co especialista”.

No caso de Medicina Interna, “trala marcha de dous profesionais na OPE de Castela León e a baixa prolongada de outro, mantívose tamén a atención do servizo, incluídas as gardas co esforzo do resto dos profesionais e o reforzo de especialistas da Área Medica do CHUO”, sinala o Sergas na nota de prensa.

A EOXI insiste en que “todos os servizos do HCV manteñen unha organización de gardas que garanten en todo momento a asistencia urxente con criterios de calidade, inmediatez e seguridade. Asemade, nun exercicio de responsabilidade e compromiso cos usuarios, desde a Xerencia Executiva vixíanse todas aquelas necesidades organizativas que garanten que ningún paciente de Valdeorras poda ser derivado a outro hospital, por máis cuestións que as puramente asistenciais”.

Tamén se menciona na nota o “compromiso da Conselleria de Sanidade en manter a periodicidade das ofertas públicas de emprego destinadas a estes profesionais, como a actualmente en curso, resolverá poñendo solución a gran parte destas necesidades”.

Artigos relacionados

Back to top button