SanidadeÚltima hora

O Sergas e os Colexios Farmacéuticos asinan o protocolo para expedir certificados Covid nas oficinas de farmacia

 

O Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos das catro provincias galegas, asinaban o 8 de xullo o protocolo de actuación para a expedición dos certificados Covid. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou en representación do Sergas, mentres que os presidentes dos Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Coruña, Héctor Castro Bernardino; Lugo, Alejandro María Sánchez-Pérez Mel; Ourense, Santiago Leyes Vence; e Pontevedra, Alba María Soutelo Soliño, fixeron o propio.

“Grazas a esta colaboración do Sergas e os colexios farmacéuticos, os cidadáns que así o precisen poden solicitar nas oficinas de farmacia, dende hoxe mesmo, a expedicións dos certificados covid de vacinación, de proba diagnóstica e de recuperación”, segundo a Consellería de Sanidade.

O obxectivo deste protocolo é “o de artellar a coordinación necesaria para a expedición dos certificados covid interoperables de vacinación, co obxecto de facilitar o seu acceso ás persoas que non dispoñan dos medios telemáticos necesarios para o seu acceso ou que carezan dos instrumentos ou habilidades para a súa obtención polas canles habilitadas institucionalmente”, asegura Sanidade.

Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, ao que se suman outros factores como os da dispersión e a fenda dixital, o que pode supoñer atrancos para a poboación de idade á hora de acceder a determinadas utilidades ou servizos en soporte dixital.

Neste sentido as oficinas de farmacia poden servir para facilitar o acceso da poboación a utilidades relacionadas directamente coa súa saúde, ademais da prestación farmacéutica propiamente dita, como xa se ten constatado durante a pandemia a través da contribución realizada no acceso da poboación á subministración de máscaras, ou na realización de test para a detección de Covid, coa xestión de mostras de saliva para realizar PCR por pooling.

Artigos relacionados

Back to top button