SanidadeÚltima hora

O Sergas estuda a posibilidade de ampliar o horario da consulta de Pediatría en Viana do Bolo

A medida resposta ás queixas recibidas nos últimos tres días por parte dunha asociación de nais e pais vianesa
Exterior do centro de saúde de Viana do Bolo.
Exterior do centro de saúde de Viana do Bolo.

A Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense procederá a estudar a actividade e demanda da Unidade de Pediatría do Centro de Saúde de Viana do Bolo, que conta cunha xornada de consulta semanal que, “xa en 2006, se reducira de nove a sete horas, sen ata a data incidencia ou queixa algunha”. Facíao público a través nun comunicado emitido na tarde do 16 de setembro.

O Sergas toma esta decisión tras recibir nos últimos tres días preto dun cento de queixas, por parte da asociación Bico Doce de Viana do Bolo, reclamando a ampliación horaria da consulta de pediatría deste centro. “A Unidade de Pediatría, que conta con médico e enfermeira, é referencia para os Centros de Saúde de A Rúa e Viana do Bolo, atendendo un día por semana neste centro á poboación infantil desta vila, xunto á de A Veiga e Vilariño de Conso, que conta cun total de 211 rapaces menores de 15 anos -deles 38 menores de 3 anos- dos 717 que son atendidos pola unidade, que atende tamén, desde A Rúa, aos de Larouco, O Bolo, Petín e Vilamartín de Valdeorras”, tal e como informa a xerencia de xestión integrada ourensá.

Dende o Sergas tamén se indica que a tendencia que rexistra “tanto a nivel provincial como autonómico, a poboación infantil atendida por esta Unidade de Pediatría reduciuse nos últimos oito anos nun 22%, pasando de 927 rapaces menores de 15 anos, en 2008, a 717 en xuño de 2016. Esta redución é especialmente significativa entre os menores de 3 anos, onde o descenso chega ata o 27%, pasando de 184 a 133 nenos”.

Nese senso tamén enganden que “pese a información feita pública hoxe pola devandita asociación, esta tendencia á redución da poboación infantil tampouco é unha excepción no concello de Viana, nin nos outros dous concellos atendidos no centro, que contaba en 2008 con 264 nenos e hoxe cun 22% menos, 211. Esta diminución é ainda maior entre os nenos de menos de tres anos, un 28% menos, pasando de 56 nenos en 2008 a 40 hoxe”.

A Xerencia de Xestión Integrada ourensá tamén apunta que “a ratio de nenos por pediatra, da Unidade de Pediatría de A Rúa-Viana é máis que óptima, e conta cunha coordinación directa e fluída cos equipos asistenciais de ambos centros, sen que ata a data se rexistrase incidencia ou queixa algunha sobre a oferta asistencial ou a distribución de tempos de consulta”.

Artigos relacionados

Back to top button