SanidadeÚltima hora

O Sergas fará test de Covid-19 ao total de efectivos da Garda Civil en Galicia

Vén de asinarse un protocolo de actuación entre o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Luis Francisco Rodríguez

 

A todos os axentes da Garda Civil que realicen as súas funcións en calquera das catro provincias galegas realizarásenlles test de detección do coronavirus. E, en función do resultado do test e da presenza ou non de sintomatoloxía, o profesional sanitario que realice o test serolóxico poderá tomar a decisión de completar o proceso de acordo ao protocolo clínico, nos hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde correspondentes á provincia de detección do caso, no prazo máximo de 48 horas.

Así se plasma no protocolo de actuación que veñen de asinar o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e o xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Luis Francisco Rodríguez. “As Forzas e corpos de seguridade do Estado na nosa Comunidade Autónoma transmitiron a necesidade de proporcionar a debida seguridade e certeza en orde a que o traballo se realice coas debidas garantías sanitarias, e para despexar calquera dúbida en entornos de traballo e convivencia tan particulares. Por iso, amosaron o seu interese para artellar, a través dun protocolo, os intercambios de información e traslado dos posibles casos de Covid, así como a implementación de medidas sanitarias específicas e áxiles que eviten demoras innecesarias ou períodos de inactividade no normal desempeño das súas funcións”, tal e como informa Sanidade.

Esta iniciativa de detección da covid aos efectivos da Garda Civil suporá a inclusión do Covid-19 nos estudos epidemiolóxicos que poida realizar a Benemérita, así como a súa utilización para a posta en marcha de campañas de divulgación e prevención sanitaria.

“Igualmente, suporá a inclusión na formación dos efectivos de aqueles aspectos de hixiene, prevención e control de casos de contaxio por covid e a aprobación dun protocolo de medidas hixiénico sanitarias para os axentes en relación co coronavirus”, tal e como informa Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button
Close