OurenseÚltima hora

O Sergas garantirá a asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria en toda Galicia

Así o anunciaba no marco da visita que realizaba o conselleiro de Sanidade a Ourense para asistir a un simulacro de atención a unha persoa que sufría unha indisposición cardíaca na vía pública
Simulacro de reanimación en Ourense.

Dende este martes 17 de xullo o Servizo Galego de Saúde (Sergas) garante asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria a toda a poboación coa ampliación do programa “Acude e Axuda” a toda a comunidade. Co obxectivo de reafirmar a importancia deste programa, no que o Sergas participa a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asistía este mesmo día 17 de xullo en Ourense a un simulacro baseado na asistencia a unha persoa que sofre unha indisposición cardíaca nun lugar público, neste caso na praza Maior.

“Acude e Axuda” comezou a funcionar en novembro de 2016 como programa piloto na cidade de Santiago de Compostela coa colaboración de voluntarios de Cruz Vermella que eran activados desde a Central de Coordinación do 061 de Galicia no momento de recibir unha alerta nos casos de producirse unha parada cardiorrespiratoria nun lugar público. Ao tempo que un dos voluntarios se achegaba ata o punto no que se encontraba o paciente, outro dos participantes no programa encargábase de recoller o desfibrilador semiautomático externo (DESA) máis próximo para continuar coas manobras de reanimación cardiopulmonar ata a chegada da ambulancia asistencial de soporte vital avanzado.

“A ampliación do programa á totalidade de poboacións de Galicia realízase grazas ao incremento do número de institucións colaboradoras, xa que á colaboración inicial de Cruz Vermella súmase agora a participación da Sociedade Galega de Cardioloxía, colexios oficiais de médicos, colexios oficiais de Enfermería, persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde, Protección Civil, Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias, e corpos e forzas de seguridade do Estado”, segundo o Sergas.

O número de voluntarios increméntase por tanto, non só polo aumento de persoas formadas en RCP básica e manexo do DESA, senón tamén pola capacidade de cada unha destas entidades de incluir ás persoas formadas que queren participar no programa. Deste xeito, o número de voluntarios rexistrados no programa Acude e Axuda pasou dos 55 voluntarios iniciais no programa piloto aos preto de 350 voluntarios rexistrados a día de hoxe.

 

Autoridades, entre elas o conselleiro de Sanidade, presentes neste simulacro na praza Maior de Ourense.

 

“Ademais, o incremento do número de DESA ata acadar os 1.195 desfibriladores semiautomáticos externos que actualmente están dados de alta no Rexistro do 061 de Galicia contribúe enormemente na mellora á atención da asistencia a parada cardiorrespiratoria. Así, unha das innovacións do programa “Acude e Axuda” é a posibilidade de que calquera persoa que sexa testemuña dunha parada cardíaca poderá consultar a ubicación do DESA máis próximo e o camiño de acceso máis rápido se ten descargada a App de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 nunha tableta ou teléfono móbil”, asegúrase dende a Consellería de Sanidade.

A implantación do programa “Acude e Axuda” a todas as poboacións, tanto rurais como urbanas, da comunidade enmárcase na iniciativa que desde a Xunta de Galicia se está a desenvolver para a mellora da atención á morte súbita, tendo en conta que as enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes entre a poboación galega.

Artigos relacionados

Back to top button