SanidadeÚltima hora

O Sergas saca a licitación a redacción do proxecto básico e de execución da reforma do Hospital Comarcal Valdeorras

Conta cun orzamento superior aos 45.100 euros e cun prazo de execución de 2 meses dende a formalización do contrato, segundo o Sergas
Entrada principal ao Hospital Comarcal Valdeorras./ Foto; Carlos G. Hervella.

O Servizo Galego de Saúde vén de publicar este luns no perfil do contratante unha resolución pola que se anuncia a licitación da contratación dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección de obra, da reforma das áreas de Farmacia, Cirurxía Maior Ambulatoria e Hospital de día Onco-Hematolóxico do Hospital Comarcal de Valdeorras (Ourense). O orzamento desta licitación é de 45.193,50 euros e conta cun prazo de execución de dous meses, dende a formalización do contrato.

Tal e como informa o Sergas, “segundo o Plan de actuacións de mellora e ampliación do Hospital Comarcal de Valdeorras, a unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria contará cunha nova área de adaptación ao medio, habilitarase unha zona de preparación e recuperación dos pacientes antes e despois da cirurxía, o que permitirá a inclusión de novos procedementos cirúrxico nesta modalidade ambulatoria, que evita o ingreso e que, na provincia de Ourense, representa xa máis da metade das intervencións que se realizan actualmente”.

A reforma na área de Farmacia, segundo recolle o devandito plan, permitirá mellorar o sistema de regulación de presión, e a estrutura das salas “limpas”, para a preparación de preparados citostáticos e de nutrición enteral, onde se instalará a nova cabina de fluxo laminar vertical.

E no tocante á reforma do Hospital de día Onco-Hematolóxico, as actuacións céntranse na mellora da confortabilidade dos pacientes, no seu paso por consultas, ampliando estas e os postos de atención dentro da unidade, ademais de reformar as áreas de paso e aseos, para o seu uso adaptado.

Esta licitación ten por obxecto “dar unha mellor resposta aos problemas de saúde da poboación, mellorando as dotacións e infraestruturas adicadas á atención asistencial no Barco de Valdeorras. A actuación reafirma o compromiso do Sergas de potenciar e mellorar os hospitais comarcais, neste caso o de Valdeorras, garantindo a proximidade da atención especializada á poboación”, segundo indica o Sergas.

As empresas interesadas en participar deberán presentar as súas ofertas, en sobre pechado, ben no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, ben por correo postal. O prazo máximo para que os licitadores poidan presentar as súas proposicións será o martes 30 de xullo. Os pregos do concurso público poden consultarse ben na web do Sergas (www.sergas.es) no apartado do perfil do contratante, ben na plataforma de contratos públicos de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button