ConcellosFolgoso de CaurelQuirogaRibas de SilÚltima hora

O Servizo de Atención Temperá de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso acollerá alumnos en prácticas da Rioxa

Imaxe da sinatura do convenio no Concello de Quiroga./ Foto cedida.

 

O alumnado da Universidade Internacional da Rioja (UNIR) poderá facer prácticas no Servizo de Atención Temperá da Agrupación de Concellos Quiroga-Ribas de Sil-Folgoso do Courel. Así quedaba plasmado na sinatura dun convenio de cooperación que tiña lugar na tarde do 11 de decembro na casa consistorial de Quiroga.

Trátase, en palabras do alcalde quirogués, Julio Álvarez, dun “espaldarazo importante para este centro que xa conta cun número importante de usuarios que acoden para mellorar o seu desenvolvemento evolutivo”. Coa rúbrica deste convenio, afirmou, gáñase “proxección internacional” para que en Quiroga poidan facer prácticas alumnos internacionais.

A Universidade Internacional da Rioja precisaba centros en Galicia para que os seus estudantes, tanto os que están a realizar cursos como os que realizan masters, puidesen desenvolver as súas prácticas. A directora do servizo, Loli Sánchez, falou dun dobre apoio con este convenio xa que, por unha banda, “servirá de apoio á formación dos alumnos”, e pola outra, “para que o centro, de recente creación, absorba os coñecementos que estes alumnos poidan aportar”.

O coordinador do servizo, Toni Dorta, supeditou este convenio a unha forma de reforzar a confianza dos usuarios nos tres campos que se desenvolven neste servizo. Trátase dun servizo ao que se pode acudir sen que os nenos teñan problema definidos, se non que pode axudar a un desenvolvemento evolutivo adecuado.

A Unidade de Atención Temperá, que serve para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade, comezou a funcionar a finais do pasado mes de setembro. A unidade conta cun equipo formado por tres profesionais: un psicólogo, un logopeda, e un fisioterapeuta, especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.

A atención nestes servizo é principalmente a través do pediatra, quen fai o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso. Tamén os centros educativos ou as propias familias poden solicitar este servizo.

Artigos relacionados

Back to top button