En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O simulacro de rotura da presa do Bao, en imaxes

Neste operativo, que se desenvolve nos concellos de O Bolo, Petín, Manzaneda e Ribas de Sil, participaban un cento de profesionais

Podería ser unha situación real, pero neste caso tratábase dun simulacro. A media mañá do 9 de maio dábase a alerta ante o risco por unha filtración detectada na presa do Bao, o que implicaba un perigo directo para a poboación da zona, e entón poñíase en marcha o Plan especial de Protección Civil ante o risco de inundacións (Plan Inungal). Pero o risco aumentaba e producíase unha rotura da propia presa.

Alertábase aos alcaldes dos concellos afectados (O Bolo, Manzaneda e Petín), que procedían a activar o seu propio plan de actuación municipal e a evacuar os lugares que poderían quedar anegados en caso de emerxencia real, e mobilizábanse todos os medios de emerxencia. O simulacro afectaba a pequenas poboacións como é o caso de Portomourisco (Petín) e As Ermitas (O Bolo), que poden verse nesta galería de imaxes, tamén se evacuaba O Bao (Manzaneda) e Os Casares (Ribas de Sil).

Ante unha situación de emerxencia deste tipo poñíase en marcha un complexo operativo coa participación dun centro de persoas. Establecíase un Posto de Mando Avanzado (situado no miradoiro de Cambela) e mobilizábase aos bombeiros de Valdeorras, aos grupos de emerxencia, aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como o 061, persoal de Protección Civil local (as agrupacións de O Bolo, Manzaneda e Petín) e autonómico, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, aos servizos sanitairos, Grupo de Intervención Psicolóxica en catástrofes e emerxencias (GIPCE) e Cruz Vermella. Tamén se contaba coa colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME), do titular da presa (Iberdrola), así como con todos os corpos e profesionais que participarían ante a posible rotura dunha presa. Tamén se despregaba a rede de comunicacións TETRA e establecéronse controis de tráfico.

O primeiro obxectivo, que se logrou, era “poñer a bo recaudo as persoas das zonas posiblemente afectadas e salvar as súas vidas, despois realízouse unha búsqueda simulada de persoas, algunhas das cales as atopamos en situacións difíciles e que precisaron axuda psicolóxica, e mesmo houbo que evacuar a un home do cauce do río”, explicaba ao remate deste dispositivo o director xeral de Emerxencias, Luis Menor. Referíase en concreto, dous rescantes, o primeiro realizado na ponte do río Bibei nas Ermitas (O Bolo), realizada polos Bombeiros e o GES de Valdeorras, e a outro na praia fluvial do río Bibei, tamén nas Ermitas, realizada pola UME.

Luis Menor felicitaba e amosaba ao seu agradecemento ao conxunto das persoas e entidades participantes neste simulacro, que finalizaba con éxito, e no que “se deron todos os escenarios posibles nunha situación deste tipo, houbo unha coordinación sobre o terreo durante todo o operativo e cun bo mecanismo de comunicación. Este é un paso moi importante, é un elemento de coordinación decisivo e permite para aumentar a concienciación da poboación da zona”.

A este simulacro asistían, entre outras autoridades, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, e os delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ourense, José Manuel Balseiro e Marisol Díaz Mouteira, así como o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, ademais dos alcaldes do Bolo, Manuel Corzo, de Manzaneda, Félix Domínguez, e de Petín, Miguel Bautista.

O alcalde do Bolo convidaba ao final do simulacro aos veciños evacuados das Ermitas a un aperitivo no pavillón do Bolo.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a última.

Artigos relacionados

Back to top button