DeportesNataciónÚltima hora

O Sincro Ourense, Mellor Club Promoción Galego de Natación Artística

A 5ª xornada da Copa celebrábase o sábado 5 de xuño na Piscina Rosario Dueñas

 

Na tarde do sábado 5 de xuño celebrábase na Piscina Rosario Dueñas de Ourense a 5ª xornada da Copa Promoción de Natación Artística. Era a última competición da tempada para as categorías de promoción e unha gran xornada para o Club Sincro de Ourense, cuxos excelentes resultados xunto ás figuras anteriores outorgábanlle o título de Mellor Club Promoción Galego de Natación Artística.

Tal como explican dende o club, o campionato desenvolvíase nunha única sesión de tarde e a porta pechada, baixo un estrito protocolo anti Covid. “Así e todo puidemos desfrutar das rutinas a través de streaming”. Comezando polo equipo benxamín, a súa rutina combinada foi merecedora do primeiro posto. Así, adestradas por Marta Tardío, as nadadoras Alexandra Álvarez, Sofia Rodríguez, Valeria Macías, Adelaida R. Goméz,  Valentina Torres, Candela Corrochano, María Santo, Sara Moreiras recollían a súa medalla de ouro.

A rutina do equipo prealevín pola súa banda, lograba a medalla de prata “cunha alta puntuación malia ser penalizadas por non cubrir o mínimo de participantes”, puntualizan dende o Sincro Ourense. Adestrado por Elvira López o equipo estivo formado por Nicole Comensoli, Sara Fernández, Claudia Conde, Clara E. Araújo e Sabela Justo.

Tamén a nivel individual lograban bos resultados as cativas de Ourense. En benxamín, María Santos lograba o primeiro posto e Adelaida R. Gómez era terceira, recollendo así as medallas de ouro bronce respectivamente.

Fotos: Sincro Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button