SanidadeÚltima hora

O sistema de autocita para vacinarse do Covid arrancará a vindeira semana cos Erasmus e os maiores de 50 anos

Segundo explicou o conselleiro de Sanidade, os colectivos de 30 a 39 (primeiras doses) e 40 a 49 (segundas doses), seguirán a ser convocados por SMS

 

O novo sistema de autocita por Internet para a vacinación fronte ao Covid que a Xunta porá en marcha a partir da vindeira semana está destinado, de entrada, para os grupos de persoas maiores de 50 anos e para os estudantes galegos de Erasmus. “Posteriormente, en función das vacinas dispoñibles, irase abrindo a outros grupos poboacionais, e, posteriormente, á poboación xeral”. Así o explicaba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na presentación realizada na mañá deste sábado 3 de xullo, en rolda de prensa.

Este novo sistema “é un complemento do sistema tradicional de citación via SMS, que está a utilizar dende o comezo da campaña a Xunta priorizando os grupos de idade, e que tan bos resultados reflicte, xa que Galicia é unha das comunidades autónomas que máis avanzada vai no proceso de vacinación”, dixo o conselleiro puntualizando que o grupo que forma parte da denominada campaña de vacinación activa, é dicir o colectivo de 30 a 39 (primeiras doses) e 40 a 49 (segundas doses), seguirán a ser convocados por SMS, quedando o novo sistema de autocita para a franxa superior da campaña activa (máis de 50) e a inferior, de momento, os menores de 30 que sexan estudantes Erasmus.

Para a campaña de vacinación activa irá destinada o 95% das doses, en consonancia coa aposta da Xunta pola vacinación por grupos de idade, e o resto das vacinas, un 5%, irá para aos grupos por riba e por baixo da mesma, que son os que poderán facer uso deste novo sistema complementario de autocita. Segundo explicou o conselleiro, os listados de estudantes Erasmus, que ascende a un total de 2.000 mozos e mozas, xa lle foi facilitado polas tres universidades galegas á Consellería de Sanidade. O vindeiro luns, comezarán as probas, coordinadas coas universidades, e empezará a citación.

O sistema que entra agora en funcionamento para pedir autocita, ofrece 8.000 ocos no mes de xullo para que se vacinen estes dous colectivos.

 

 

Proceso de solicitude

A cita para a vacinación por medio deste novo sistema pódese solicitar dende un ordenador no enderezo: cita.sergas.gal, ou no portal de saúde do Sergas (E-Saúde: esaude.sergas.gal). Tamén se pode solicitar dende un teléfono a través da APP Sergas móbil. O acceso estará habilitado para toda a cidadanía, con tarxeta sanitaria do Sergas e cidadáns sen tarxeta sanitaria, pero, de entrada, para maiores de 50 e menores de 30 (de momento só Erasmus).

O modo de identificar ao cidadán serán de dous tipos. Un con seguridade básica, é dicir co número de tarxeta sanitaria ou do Documento Nacional de Identidade ou Pasaporte; e outra manera que é con seguridade alta, con certificado dixital e Chave365.

Para a selección da data, ofreceráselle ao cidadán un calendario cos días dispoñibles para poder vacinarse. Ao seleccionar un día, indicaráselle se ten ocos dispoñibles ou non, e, tamén, o rango de horas no que se atopan estes ocos, tendo a posibilidade de seleccionar unha hora aproximada de atención. Unha vez rexistrada, o aplicativo amosa os datos co nome do cidadán, así como a data, hora e lugar da vacinación. Esta data escollida para a vacinación por parte do usuario quedará reflectida para ser consultada nos dispositivos electrónicos, como unha cita máis das que ten pendente o cidadán.

Artigos relacionados

Back to top button