Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

O socialista Alfredo García avoga polos servizos sociais e por un Barco sostible

O Teatro Lauro Olmo da vila acollía o mitin do PSdeG-PSOE na tarde do 20 de maio
O candidato socialista á alcaldia barquense, Alfredo García, coa súa mochila verde no mitin./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O candidato socialista á alcaldia barquense, Alfredo García, coa súa mochila verde no mitin./ Foto: Ángeles Rodríguez.

“Para nós o primeiro son as persoas, ese é o noso sinal de identidade, por iso decidimos que os servizos sociais non se tocaban. No ano 2000 no Concello do Barco había seis traballadores nos Servizos Sociais e hoxe estamos en 24, multiplicámolos por catro. E para poder facer isto é imprescindible unha boa xestión económica. E isto a pesar da crise e da lei estatal que nos ten quitado practicamente as competencias que tiñamos nos servizos sociais, pero tamén en emprego, en educación, en deportes…”. Deste xeito Alfredo García, actual alcalde do Barco e candidato á relección como cabeza de lista do PSdeG-PSOE, referíase a un dos dos ámbitos nos que incide o programa socialista. Facíao durante o mitin central da campaña que tiña lugar na tarde do 20 de maio no Teatro Lauro Olmo. Subía ao escenario coa súa mochila verde ás costas, tal e como acontecía no mitin das eleccións do 2011. “Nesta mochila levamos á nosa oficina do candidato”, dicía.

Na súa intervención facía un repaso polo labor desenvolvido ao longo das catro lexislaturas que leva ao fronte do Concello barquense. “Ao chegar abrimos as portas do Concello” e ao longo destes anos “transformamos O Barco”. E, en referencia á denuncia presentada contra el polos sete concelleiros do PP barquense apuntaba que “hai 16 anos presentámonos cunha idea, queríamos demostrar que a política é unha arte nobre e queríamos ser honestos. E agora hai catro autos xudiciais que din que no Concello non hai ningún tipo de delito. Erros si, pero xustificados pola falta de persoal”.

García aseguraba tamén que, ao fronte da súa candidatura, quere “deseñar o futuro do Barco e planificar un concello sostible e xa estamos traballando niso”. Citaba en concreto un innovador sistema de tratamento de lixo que agora unicamente está implantado nun concello en toda España. “Neste proxecto non hai fumes nin incineración. Eu quero que O Barco estea á cabeza en medio ambiente, en investigación e en desenvolvemento, en I+D+i, ese é un bo nicho de mercado. Tamén o campo, para poñer en marcha explotacións gandeiras e agrícolas e ademais temos un gran potencial no monte”.

Asemade remataba o seu discurso cun agradecemento aos concelleiros que o acompañaron ao longo destes anos de goberno municipal e que “agora deixan a primeira liña”, así como ás novas incorporacións da súa candidatura “nun momento difícil para adicarse á política”.

Os concelleiros Eduardo Ojea, sobre o escenario, e Luis Arias, que interviron durante o mitin socialista no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Os concelleiros Eduardo Ojea, sobre o escenario, e Luis Arias, que interviron durante o mitin socialista no Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Alfredo García pechaba un mitin, no que lle precedían no uso da palabra o que ten sido concelleiro de Cultura nos últimos anos e tenente de alcalde, Eduardo Ojea, e o concelleiro de Medio Rural, Luis Arias. Ambos continúan na lista, pero nos postos finais. Ojea descataba a capacidade de traballo, templanza, diálogo e compromiso de Alfredo García, quen “demostrou que pode levar adiante un proxecto e que ten ilusión, ideas e ganas de traballar por e para O Barco”. Ademais criticaba a oposición levada a cabo nos últimos catro anos polo PP, “que se propuxo cambiar as regras do xogo democrático e buscar nos xuíces o que a xente non lle daba”. Tamén valoraba negativamente a do BNG.

Pola súa banda, Luis Arias, que leva 25 anos formando parte da corporación barquense, comezaba agradecendo o apoio dos veciños do Barco durante 16 anos ao proxecto socialista e destacaba que nestes anos na política “aprendín moito dos veciños, que lle queren ao seu pobo”. Por iso, insistía en que “estas eleccións son moi importantes, non podemos permitir que este proxecto que tanto nos custou se estrague nun ano”. E en referencia ao candidato popular, preguntábase “qué ten feito polo Barco cando estivo na Deputación e agora como deputado autonómico”. Ademais criticaba a ostentación da campaña electoral do PP barquense.

Os membros da candidatura do PSdeG-PSOE no Barco, ao finalizar o mitin./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Os membros da candidatura do PSdeG-PSOE no Barco, ao finalizar o mitin./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button