En portada

O socialista Alfredo García, novo presidente da Fegamp

Resultaba elixido durante a asemblea celebrada o 30 de outubro co apoio de 674 votos
Alfredo García, novo presidente da Fegamp, recibindo a fecilitación do presidente da Xunta.
Alfredo García, novo presidente da Fegamp, recibindo a fecilitación do presidente da Xunta.

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) vén de renovar a súa dirección. Esta entidade celebraba na xornada do 30 de outubro en Santiago a súa novena asemblea xeral, na que resultaba elixido como novo presidente o alcalde socialista do Barco de Valdeorras, Alfredo García, que ocupaba ata agora a vicepresidencia primeira. A súa candidatura saía adiante co respaldo de 674 votos do total dos 1.754 votos emitidos.

Xunto a el estará no executivo da Fegamp o alcalde de Oroso (A Coruña), o tamén socialista Manuel Mirás Franqueira, como vicepresidente executivo. A vicepresidencia primeira estará en mans do rexedor de Cervo (Lugo), Alfonso Villares (PP), mentres que a segunda é para o alcalde de Carballo (A Coruña), o nacionalista Evencio Ferrero.

O presidente da Xunta, na clausura da IX Asemblea da Federación Galega de Municipios e Provincias en Santiago.
O presidente da Xunta, na clausura da IX Asemblea da Federación Galega de Municipios e Provincias en Santiago.

Esta novena asemblea da Fegamp concluía coas intervencións do novo presidente e tamén do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, quen aludía á cooperación institucional que guiou sempre a relación entre a Xunta e a Fegamp e desexou que así sexa co novo equipo executivo, con Alfredo García á fronte, co que haberá de afrontar a nova realidade do municipalismo nestes tempos nos que “cambiou a demografía, cambiaron as infraestruturas, cambiaron os medios tecnolóxicos cos que a xente se relaciona”.

Artigos relacionados

Back to top button