OurenseÚltima hora

O socialista Gerardo Seoane comeza a súa segunda lexislatura como alcalde de Verín

Resultaba elixido cos votos dos oito concelleiros socialistas da Corporación e co dos 5 edís do BNG

O salón de plenos do Concello de Verín acollía no mediodía deste 15 de xuño a sesión constitutiva da nova Corporación municipal, integrada por 17 edís electos o pasado 26 de maio: 8 do partido socialista, 5 do BNG e 4 do PP. O pleno comezaba coa formación da mesa de idade, presidida por Cándida Couñago, quen foi chamando aos edís para a toma de posesión dos seus cargos.

Logo dábase paso á votación de alcalde, na que Gerardo Seoane Fidalgo, candidato socialista, foi elixido rexedor ao lograr a maioría absoluta de votos da Corporación: 13 por parte dos edís do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego.

“Empezamos esta nova lexislatura coa firme vontade de enfrontar os nosos problemas máis profundos, como son o envellecemento poboacional, a falta de oportunidades e precariedade laboral, e a falta de formación adecuada ao século XXI”, dicía Seoane no seu discurso tras tomar posesión do cargo de alcalde.

Para loitar contra estes problemas o rexedor adiantaba que “se implementarán uns corenta proxectos, en colaboración con empresarios locais, de rexeneración urbana e novas industrias orientadas á primeira transformación dos nosos produtos principalmente agropecuarios, así como un centro de formación en novas tecnoloxías enfocado ao aproveitamento dos nosos recursos”.

Momentos antes da sesión plenaria o novo grupo de goberno asinaba na sala de xuntas o pacto de goberno entre o Partido dos Socialistas de Galicia- Partido Socialista Obreiro Español (PSdG-PSOE) e Bloque Nacionalista Galego (BNG) que rexerá a lexislatura 2019-2023.

“A proximidade á cidadanía, a xestión xeral transparente e democrática, a selección de persoal seguindo os principios de igualdade, mérito e capacidade, a defensa dos servizos públicos o desenvolvemento económico sostible, o equilibrio territorial entre a vila e as parroquias, a defensa do Medio Ambiente, a posta en valor do patrimonio cultural -histórico, etnográfico, arqueolóxico, documental e arquitectónico- do noso concello, a separación entre a práctica relixiosa e a actividade institucional e a defensa e promoción do idioma e da cultura de Galicia” serán os principios básicos que presidirán a xestión municipal durante os vindeiros catro anos, tal e como adiantan.

Fotos: Concello de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button