Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O socialista José Tomé, alcalde de Monforte, novo presidente da Deputación de Lugo

Resultaba elixido por 13 votos a favor, fronte aos 12 da outra candidata, a popular Elena Candia, na sesión constitutiva da nova Corporación provincial lucense

“Só me move, e só penso, no mellor para a provincia de Lugo, para os nosos 331.327 veciños e veciñas, e o mellor para Galicia, defendendo sempre o interese xeral, e por iso, só me move servir á provincia de Lugo”. Dese xeito se manifestaba o socialista José Tome, alcalde de Monforte de Lemos, tras ser investido como novo presidente da Deputación de Lugo durante o pleno constituínte desta nova Corporación provincial.

A sesión comezaba ás 12h. deste xoves 18 de xullo coa formación da mesa de idade, integrada polo deputado de máis idade, Agustín Baamonde (PP), e pola máis nova, Maira García (PSdeG-PSOE). Ambos prometían os seus cargos, depois era a quenda dos outros 23 deputados, que xuraban ou prometían segundo os casos.

Unha vez constituída a nova Corporación, procedíase a elixir ao seu presidente entre os dous candidatos que se presentaban: o socialista José Tome e a popular Elena Candia. Na votación (realizada con voto secreto en urna) Tomé obtiña 13 votos (10 do partido socialista e 3 do BNG) fronte aos 12 de Candia, convertíndose dese xeito en presidente entre os aplausos de boa parte dos asistentes. Deste xeito materializábase o acordo entre socialistas e nacionalistas, polo que ademais Maite Ferreiro será vicepresidenta da Deputación de Lugo.

 

“Hoxe abrimos unha nova etapa na vida desta institucións provincial”, dicía Tomé no inicio do seu discurso, tras agradecer os apoios recibidos. Unha nova xeira que asume “con ilusión e con optimismo, porque estou en disposición de traballar pola provincia de Lugo co obxectivo de mellorar as condicións socioeconómicas, medioambientais e culturais de todas as lucenses, co aval da experiencia política que me dá haber tido responsabilidades políticas no ámbito municipal, no ámbito do Estado e tamén no ámbito autonómico”.

 

 

Outro dos obxectivos de Tomé será “devolver a tranquilidade e a normalidade institucional a esta casa, que necesariamente ten que ser noticia polas políticas que sexamos capaces de levar a cabo, e non por ningunha outra cuestión que escape do interese xeral”. Avanzaba que a súa prioridade será “fortalecer o papel desta Administración como garante da cohesión social e territorial da provincia”, ademais de “combater unha das principais ameazas, se non a máis importante, á que nos enfrontamos na nosa provincia: a caída demográfica e o envellecemento da poboación”.

 

O novo presidente, o terceiro socialista da Deputación lucense, apostará por “promover novas iniciativas e proxectos para que a inmensa riqueza de recursos naturais e culturais cos que conta a nosa provincia, probablemente a de maior biodiversidade de Galicia, se converta en oportunidades económicas e de emprego que permitan á nosa mocidade construír aquí o seu proxecto de vida proesional, persoal e familiar”. A Deputación, engadía, “vai ser o Concello dos Concellos, procurando ser útiles a todas e todos os lucenses”.

Este acto de constitución contaba coa asistencia de numerosas autoridades, tanto do goberno central, como é o caso do delegado do Goberno en Galicia; como da administración autonómica, así como dos concellos lucenses e de partidos políticos como o PSdeG-PSOE.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Tags

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close