Entrevistas

“O sol é do máis bonito, está vivo”

O barquense Ricardo Vázquez Prada leva mergullado no mundo da astronomía dende o ano 2006
O astrónomo Ricardo Vázquez.
O astrónomo Ricardo Vázquez.

Di que a sensación de descubrir un planeta é única. “A primeira vez que vin Saturno, peguei saltos, berrei e comecei a correr polo monte… Emocionoume porque logrei encontralo e ademais impresionoume o que estaba vendo. E iso sucede cada vez que descubres algo, por exemplo, unha galaxia”. Pero para chegar a ese momento, débese ir paseniñamente. “Hai que coñecer o ceo e empezar polo básico. Primeiro a lúa, despois os planetas e, a medida que vas tendo experiencia, buscas un pouquiño máis e vas progresando. E cando xa tes visto moito, logras comprender cómo funciona”.

O barquense Ricardo Vázque Prada decántase pola astronomía “visual”, é dicir, pola observación, se ben confesa que tamén lle atrae a fotografía. “Gústame, pero tampouco quero sacrificar horas de monte e de estrelas para estar pelexándome cun ordenador”.

¿Que se sente a primeira vez que se mira por un telescopio?
Ao principio levas un chasco. Miras por el e descubres que se ve en branco e negro. E entón dis: ¡pero se na tele e en internet as imaxes son a cor! Si, si, pero son fotografías. Co ollo logramos percibir luz, pero a cor non nos chega, fai falta apilar moitos minutos de exposición para empezar a captar cores nas imaxes. Ademais estáslle sacando fotos a algo que se move polo ceo.

¿Que é o que máis che gusta ver?
Para min o sol é das cousas máis bonitas que se poden ver no ceo porque percibes que está vivo. Dá unha volta sobre si mesmo unha vez ao mes e as manchas estanse movendo continuamente. Podes mirar agora e se volves dentro de 5 minutos, xa hai cousas que se moveron de sitio.

¿Que condicións debe reunir o ceo para poder observalo?
Primeiro ten que estar despexado, se está nublado non se pode observar nada e menos facer fotografía. Se está medio nublado, o sol aínda transixe un pouquiño e permíteche ver certos detalles, pero do resto, nada. En segundo lugar, tes que saber qué se pode ver esa noite. De pouco vale que queiras ver Xupiter se resulta que nese mes non se ve. E ademais tes que decidir qué che interesa ¿sistema solar ou sistema profundo? En astronomía divimos a grosso modo entre sistema solar (basicamente os planetas, a lúa e o sol) e ceo profundo (galaxias, nebulosas, cúmulos…). E despois hai unha subdivisión, que é a dos asteroides, cometas… Nela a xente está bastante profesionalizada, non porque cobren por elo, senón porque se adican especificamente a este tema, non fan outra cousa. De feito, existe unha rede mundial que se adica a cazar os asteroides que están sen identificar. Hai un catalán que ten un récord, leva descubertos uns 20.

Texto: Ángeles Rodríguez                      Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Especial Santa Rita de O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button