En portadaGalerías de fotos

O son da gaita inaugura a XVII Feira do Viño de Valdeorras

Cristina Pato exercía de madriña do certame na praza barquense de Andrés de Prada, acompañada polo presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras e polo alcalde do Barco

Se se pode asociar o viño de Valdeorras a un son ese non pode ser outro que o da gaita de Cristina Pato. Alomenos así é nesta dezasete edición do certame, na que a gaiteira e pianista ourensá Cristina Pato exercía de madriña no mediodía do 12 de xullo nun concurrido acto inaugural na praza barquense de Andrés de Prada. “Unha das ideas máis fermosas que fixeron nesta feira este ano foi precisamente tender a man entre moitos artistas e entre 22 adegas, que todas comparten un só nome, que é o de Valdeorras”. Así o explicaba Pato, referíndose á colaboración nesta edición do certame entre o sector do viño valdeorrés coa arte da man de Miguel Anxo Prado, autor do cartaz; do cinema con Ignacio Vilar, director de “A Esmorga”; coa radio cos xornalista Pepa Fernández, ou coa música coa propia gaiteira.

Antes do seu discurso e da súa actuación á gaita, na que soubo conectar co público e mesmo arrancar o baile dalgunha muiñeira, interviña o alcalde do Barco, Alfredo García, quen aseguraba que “hoxe é un día grande para o viño, para o sector, que traballa día a día para ofrecer o mellor que teñen estas terras e que poden dar”. Incidía en que “a cultura é viño” e “o viño é cultura”, e lembraba que nesta fin de semana de feira os adegueiros amosarán o seu traballo e a calidade dos seus caldos. Destacaba asemade a importancia do sector vitivinícola na comarca e animábao a seguir traballando, “innovando e a crear novos viños porque aí está o futuro”.

De seguido, tomaba a palabra o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Xosé Luis García Pando, que resaltaba que esta feira é unha ocasión “única para probar toda a gama de viños das adegas que están expoñendo aquí nestes momentos, unhas 80 marcas distintas e ademais cunha característica, que é que o adegueiro está presente detrás de cada viño para explicar o que fai, o mimo que lle adica na súa elaboración”.

Referíase tamén o labor de promoción que se está a desenvolver dende este órgano réctor e, máis en concreto, á campaña “Comparte un Valdeorras”, así como á colaboración con eidos culturais como o da ilustración, o cinema, a música ou a radio como unha das novidades desta edición da feira.

García Pando tamén agradecía a colaboración do Concello do Barco, “tanto na organización da feira como no seu compromiso na difusión do evento ao estar presente nas diferentes presentacións da feira que se realizaron nas principais cidades galegas”, así como aos adegueiros, “que estades aquí hoxe presentes polo voso compromiso coa D.O. e coa súa promoción. Vos sodes cos vosos viños os que dades prestixio a esta denominación”.

Con este acto quedaba aberta de xeito oficial a mostra valdeorresa cunha numerosa presenza de público que dende o primeiro momento se achegaba xa as 22 casetas do recinto para degustar os caldos. O programa co certame continuará pola tarde coa proxección do trailer da película “A Esmorga” de Ignacio Vilar, ás 19h. no Teatro Lauro Olmo do Barco, e coa entrega dos premios aos viños galardoados na cata oficial da Feira do Viño de Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button