ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O sorteo de lotes de libros pon o broche á feira no Barco de Valdeorras

Librarías, asociacións e floristerías déronse cita na II edición da mostra celebrada na fin de semana do 22 e 23 de abril

Con máis postos e máis vendas, ademais dunhas xornadas cun sol espléndido. Así se desenvolvía a Feira do Libro do Barco de Valdeorras pola que pasaron numerosas persoas ao longo da fin de semana do 22 e 23 de abril.

A mostra arrancaba na tarde do sábado con dez expositores de librarías e asociacións valdeorresas así como actividades paralelas, pero era ao longo do domingo cando se rexistraba un maior número de asistentes. Tamén na xornada dominical, Día do Libro, se sumaban á iniciativa dúas floristerías (Flores Esnat e Florería Marilebone) ademais de deixarse ver pola feira,  varios autores da comarca como David Vázquez ou Carlos Revuelta, e tamén de fóra como Miguel Hernández ou Juan J. Prieto que asinaron os seus libros, “Juguetes de lo desconocido” e “La primera meiga”.

Entre as actividades complementarias do domingo, estivo o concerto da sesión vermú que o grupo O Son do Vento ofreceu con poemas de Florencio Delgado Gurriarán musicalizados, e a recollida de sinaturas de adhesión á petición do “Día das Letras Galegas” para Florencio Delgado Gurriarán.

Despois dunha intensa e calurosa xornada, o sorteo de lotes de libros e dvd’s de autores valdeorreses por parte do Concello do Barco (organizador do evento), poñía o broche a esta edición da festa coa que a capital da comarca conmemoraba un ano máis o Día do Libro.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button
Close