CulturaCulturaGalerías de fotosO Sil agosto 2016Última hora

O teatro abre as festas de San Roque na Rúa Vella

A Ruada representou “Os amores de Don Saturio” nunha abarrotada praza César Conti

Pasadas as dez e media da noite do 18 de agosto, Ramón Díaz subíase ao escenario instalado na praza César Conti da Rúa, para dar vida a Saturio, o personaxe principal de “Os amores de Don Saturio” o primeiro lance da obra de Castelao “Os vellos non deben de namorarse” co que a agrupación de teatro local A Ruada, inauguraba as festas de San Roque 2016.

Cada ano é o teatro o que abre o programa de festas e cada ano, enche a praza da Rúa Vella de afeccionados que seguen, atentos, a representación. Este ano non foi unha excepción e numeroso público desfrutou da obra que marca o inicio de cinco días de celebración. Hoxe, venres 19 de agosto tócalle o turno ao grupo folk valdeorrés Tornaxeira que dará un concerto a partires das 23 horas, con posterior verbena a cargo de Disco Stuu.

Mañá, sábado 20 de agosto, a música da charanga Terras do Bibei anunciará cun pasarrúas o comezo dunha nova xornada festiva. Despois de xantar, en torno ás 16 horas celebrarase o campionato de tute por parellas na praza César Conti. A praza será tamén o punto de partida dunha das actividades máis significativas e nomeadas das festas de San Roque; a Volta Ecolóxica. Ás 19 horas os participantes, dende nenos ben pequenos ata xente de idade avanzada, ataviados cos disfraces máis chamativos e orixinais, subirán ás bicicletas para comezar o percorrido por algunhas das rúas da vila ata rematar no Campo de San Roque. No mesmo campo, a partires das nove da noite comezará o baile amenizado pola orquestra Fania Blanco Show en sesión de tarde e verbena.

Máis información na edición en papel o Periódico O Sil.
Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button