ConcellosÚltima hora

O teatro de Matrioshka abre os actos da Semana das Letras Galegas no Barco

Entre as diversas propostas do programa tamén figuran unha conferencia de Manuel Agra sobre María Victoria Moreno o 15 de maio e un festival musical e literario na tarde do 17 de maio
Detalle do cartel da obra de Matrioshka que poderá verse no Teatro Lauro Olmo.

Con teatro comezará a Semana das Letras Galegas no Barco. Estará chea de propostas culturais para públicos das diferentes idades. Así o venres día 11 de maio ás 21h. representarase no Teatro Lauro Olmo a obra “Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos”, unha montaxe de Matrioshka en homenaxe a María Victoria Moreno. Na obra faise un percorrido pola vida e a obra desta profesora e escritora. O 15 de maio, ás 20:30h., Manuel Agra Vilar impartirá a conferencia “María Victoria Moreno, compromiso coa literatura, con Galicia e coa vida”, na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán.

 

Manuel Agra dará unha conferencia no Barco sobre a autora homenaxeada nas Letras./ Foto: A.R.

O acto central da Semana será na tarde do 17 de maio. Ás 20:30h. a praza Maior da vila acollerá a Festa das Letras, un festival musical e literario con numerosos participantes. Así subiranse ao escenario os membros de Gargallada Teatro (Manuel Caramés, Lalo Santos, Reyes Limia, Manuel González), así como Roma do Val, Sderap, TorfyJorge Álvarez e Armando Pérez Dúo, Xoaquín Freixeiro e Mauro Docampo Dúo.

Ademais o 18 de maio ás 21h. no Teatro Lauro Olmo ofrecerase o recital de poesía galega “De abrentes e ocasos” de Teatro do Atlántico. Finalmente os días 17 e 20 de maio proxectarase o filme galego “Dhogs”, dirixido por Andrés Goteira, no mesmo Teatro Lauro Olmo, e o día 20 ás 11h haberá un maratón de lectura na praza Andrés de Prada.

Artigos relacionados

Back to top button