CulturaCulturaEducación

O Teatro Principal de Ourense acollerá unha obra de teatro solidario a prol da Fundación Meniños

Os actores teñen entre 10 e 21 anos.

Un ano máis, Ourense acolle a representación teatral solidaria coa Fundación Meniños que coordina Metátese Teatro, coa colaboración do Teatro Principal e a Fundación CEO.

“Fantamimo” é unha creación colectiva composta por varias historias independentes que acontecen nun ascensor, e que pretende provocar no espectador a reflexión sobre cuestións como o reparto de tarefas no fogar, as consecuencias negativas da agresividade e do medo, a realidade esquecida das persoas de máis idade, a importancia da lectura na formación plena do ser humano e a discriminación por motivos de raza, xénero ou crenzas.

A representación terá lugar o vindeiro venres, 17 de febreiro no Teatro Principal de Ourense en dúas funcións; a sesión das 12:00 horas, destinada a escolares, e a segunda representación ás 20:30 horas para o público en xeral. O custo das entradas é de 2 euros. Os cartos recadados destinaranse á Fundación Meniños, que desenvolve programas de protección, atención familiar e sensibilización.

Este espectáculo incide na necesidade de integrar e apoiar todas as realidades sociais, especialmente as máis desfavorecidas, representado por alumnos, alumnas e docentes de idades comprendidas entre os 10 e os 21 anos da Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez (Avelaíñas Teatro), a Escola Municipal de Teatro de Laxe e máis o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei.

Nesta obra de creación colectiva, escenografía, vestiario e maquetación foron deseñadas por Lusco Fusco Teatro; música, iluminación e son corren a cargo da Escola Municipal de Teatro de Laxe; a produción é responsabilidade de Avelaíñas Teatro, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Antón Losada Diéguez, Metástase Teatro e máis o Club de lectura “Retelladores do Galiñeiro”.

Artigos relacionados

Back to top button