DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O temporal desluce e complica o rali de clásicos

A segunda xornada da proba de regularidade pasou pola Rúa, con parada para xantar

Aínda non eran as 13:30h. do sábado 4 de febreiro cando pasaba polo control da Rúa o primeiro dos preto de 60 coches clásicos da decimoterceira edición do Rali de Invierno. Chegaba antes de tempo, outros facíano con retraso e algúns nin sequera chegaban.

Foron as consecuencias do temporal, protagonista desta edición do rali que pasaba pola Ribeira Sacra, Trives e Valdeorras. “A etapa de onte foi moi complicada e hoxe pola mañá tamén”, aseguraban dende a organización. E non é para menos xa que durante as últimas horas foi moito o que choveu en toda Galicia e nin Lugo nin Ourense escaparon ás inclemencias do tempo. Aínda así, nin a chuvia nin o vento impediron que o motor dun bo número destas xoias a catro rodas ruxise por toda a Rúa, onde pararon para xantar os famosos pementos de Vinducha na Casa da Cultura.

Á Rúa chegaban na segunda etapa, despois de percorrer as estradas de Castro Caldelas, A Pobra de Trives, Manzaneda e As Ermitas, continuando, xa pola tarde rumbo a Quiroga. A entrega de premios será esta noite na gala que se celebrará no balneario de Augas Santas en Ferreira de Pantón (Lugo).

Entre os coches participantes, procedentes de Portugal, sobre todo de Porto, e de localidades españolas, como Madrid, Ávila, Oviedo, Gijón, Pamplona, Trevías (Asturias), Vigo, Santiago, O Carballiño, Silleda, Nigrán ou Vilagarcía, hai verdadeiras preciosidades: varios Porsche 911, un Lancia de 1964, un Mini Cooper de 1965, varios Mercedes, un Jaguar de 1948, un Ferrari de 1975 ou un Fiat Spider de 1960,  destacando un MG de 1932, toda unha reliquia.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button