CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O tesouro da tradición oral, gardado polas mulleres, pecha o “8º De Perto”

Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín e Guti traían ao Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco) "Tres vellas (polo menos)"

 

As súas historias nacen da sabedoría popular. Foron contadas, principalmente por mulleres, e escoitadas ao longo do tempo nas aldeas, algunhas á beira do mar, e outras, polo contrario, ao pé da Serra da Culebra. Malia á súa voz particular e ao seu xeito tan especial de contar, Quico Cadaval, Celso F. Sanmartín e José Luis Gutiérrez “Guti” comparten ese mesmo universo popular e oral, construído e transmitido ao longo de xeracións.

Demostrábano, novamente, na tardiña do 18 de xuño no Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco), onde presentaban “Tres vellas (polo menos)”, un espectáculo no que renden homenaxe as anciáns que lles agasallaron coas historias que agora eles seguen mantendo vivas en cada unha das actuacións. Historias envoltas en cantos, brincadeiras, bailes ou mesmo receitas. Historias que son como “pedras preciosas. Estas mulleres reuniron ese tesouro, moitas veces sen saber que o tiñan, ou pensando que aquilo non valía para nada”, dicía Quico Cadaval ao inicio da contada.

Algo no que se reafirmaba Celso F. Sanmartín. “O valor da palabra recollido de xente maior ten moita importancia”, comentaba xusto antes de lembrar a Hortensia de Zobra, á súa “femia alfa” de referencia no mundo dos contos, e de iniciar o seu repertorio cun relato sobre “arresponsar ao lobo”.

 

 

Tras el, Guti adentrábase na tradición oral zamorana lembrando a Dominica de Cerezal de Aliste e como foi a primeira vez que esta anciá vía ao mar, para logo dar paso a un dos seus contos, cun matrimonio, un cura, tres troitas e unha bota do viño polo medio. E antes de darlle paso a Quico Cadaval, matizaba que a peculiaridade das súas historias é que “son da súa familia. Preguntarlle á familia é un labor que nunca facemos ou que cando o facemos, xa é tarde”.

Quico Cadaval recollía o guante e lembraba á súa avoa Ramona, como rezaba o rosario e tamén como conservaba con defuntos que volvían ao mundo dos vivos para “requirir” determinadas cousas, como, por exemplo, cumprir unha promesa pendente.

E así, entre conversas, interaccionando co público, e tecendo relatos, transcorría esta singular contada case “como unha sesión de espiritismo”, chegaban a dicir os propios narradores, na que se revivían as expresións, os valores, os xestos, o humor, os sons e mesmo as pausas desas historias rurais e colectivas.

Con “Tres vellas (polo menos)” chegaba ao seu fin o oitavo ciclo “De Perto”, tras seis espectáculos arredor da palabra narrada, poética e cantada, que supuxeron “un reencontro coa cultura ao vivo no Barco”, tras o parón pola crise sanitaria do Covid-19, en palabras de Gustavo Docampo, técnico de Cultura do Barco, que agradeceu a colaboración dos artistas, do equipo técnico do ciclo, así como aos patrocinadores e, por suposto, ao público.

O acto contaba tamén coa presenza da narradora Paula Carballeira, quen exercía de presentadora de excepción nesta derradeira sesión de “De Perto”, un ciclo que louvou e no que participaba no 2017.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button