En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O toque de bombos e aixadas envolve Belém

Os folións de Manzaneda e Viana do Bolo, xunto ás Pantallas de Xinzo e ás Bonitas de Sande, estaban entre as 30 celebracións do XIII Desfile do Festival Internacional da Máscara Ibérica en Belém (Lisboa)

A tradición da máscara cobraba vida nas súas máis diversas manifestacións e procedencias no Jardim da Praça do Imperio de Belém (Lisboa) ás 16:30h. do 19 de maio. Dende este emblático espazo da capital portuguesa saía o XIII Desfile do Festival Internacional da Máscara Ibérica (FIMI). Unha serpe de rituais, máscaras, cromatismo e sons que engailoaba á gran multitude de persoas que se xuntaban no seu percorrido.

Nesta edición o defile contaba cunha trintena de grupos e cuns 500 participantes, chegados dende diferentes partes da península, pero tamén doutras partes de Europa como Irlanda, e mesmo de Brasil. Entre as manifestacións presentes neste evento estaban catro Entroidos da provincia de Ourense: o Fulión e as Mázcaras de Manzaneda (coa súa singular danza ao ritmo dos bombos, sachos e mesmo gaitas), o Folión de Viana do Bolo cos seus Boteiros, as Pantallas de Xinzo de Limia xunto coa Banda de Gaitas e tamén as Bonitas de Sande (Cartelle). A representación galega completábase co Entroido de Samede (A Coruña) e cos Merdeiros de Vigo.

 

O folión de Manzaneda, tocando xunto ao Mosteiro dos Xerónimos en Belém./ Foto: Carlos G. Hervella.

O desfile abríase coas Mummers irlandesas, seguidas polo Boi Tingo de Sao Caetano de Odivelas (Pará, Brasil). De seguido, podía verse a grupos procedentes de diversos lugares de España, en especial da provincia de Zamora como era o caso do Carnaval de Villanueva de Valrojo, tamén de Andalucía coas Mascarillas de Rus (Xaén), de Asturias, León ou Cáceres. Tamén había oito tradicións relacionadas coas máscaras de Portugal, entre elas os Caretos de Grijó e de Parada (Bragança), os de Podence, os Máscaros de Vila Boa de Ousilhao, os Brutamontes do Auto de Floripes (Viana do Castelo) ou o Entrudo de Vilar de Amargo, entre outros.

 

Boteiros de Viana do Bolo, durante do desfile do FIMI./ Foto: Carlos G. Hervella.

Cada un dos mascarados interaccionaba co público e movíanse, bailaban ou mesmo sorprendían aos espectadores, nun ambiente de festa pero tamén cunha temperatura elevada. O desfile concluía novamente no Jardim da Praça do Imperio, onde está instalada a Mostra das Rexións dende o 17 de maio con multitude de expositores de artesanía, gastronomía, turismo, etc.

 

As Pantallas de Xinzo, desfilando por Belém./ Foto: Carlos G. Hervella.

O programa do FIMI continuará con novas actividades na noite do 19 de maio, como é o concerto de Toques de Caramulo (Portugal). Ademais na xornada do 20 de maio abrirá de novo a Mostra das Rexións, exporase o mapa das Máscaras Europeas por parte de Alexandre Pereda e haberá animación na rúa da man do Folión e dos Boteiros de Viana do Bolo, ademais da actuación, xa pola tarde de Realejo (Portugal), ás 17h., entre outras propostas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

As Bonitas de Sande tamén desfilaban no FIMI./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close