En portadaÚltima hora

O toque de queda será ás 23h. en toda Galicia a partir do venres

O horario límite de apertura dos bares mantense ás 21h., pero amplíase o da restauración sempre e cando se cumpran unhas condicións, segundo adiantaba Feijóo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, na súa intervención.

 

O toque de queda pasará das 22h. ás 23h. en toda a comunidade autónoma a partir do venres, “con independencia da situación dos municipios”. Así o indicaba o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na comparecencia pública que iniciaba arredor das dúas desta tarde para dar conta dos acordos tomados polo comité clínico na súa última reunión.

Ademais indicaba que se mantén “como tope para a apertura dos bares ás 21h. (nos lugares nos que a hostalaría estea aberta, en función das restricións por concellos) e ampliamos os locais de restauración que poden servir ceas ata as 23h., considerando que hai que saír do restaurante para estar ás 23h. na casa”, aseguraba Feijóo.

Ademais referíase aos locais “que poden dispensar ás ceas nesa franxa horaria”, se ben matizaba que as concrecións serán publicadas no DOG”. Pero adiantaba que as condicións que deberán cumprir eses establecementos de restauración serán as seguintes: deberán ser “locais con licenza de restaurante, que traballen con cita previa e conserven un rexistro de clientes e que garantan a calidade do aire cun aparato de control de CO2 no local”.

Estes van “ser pequenos pasos, porque debemos ser prudentes e cautos, pero son pasos cara diante”, resaltaba Feijóo. Ademais sinalaba que, de momento Galicia seguirá pechada perimetralmente, salvo as excepcións xa permitidas, tendo en conta dos datos de incidencia a 7 e 14 días, “dado o incremento que se produciu en España dende o 18 de marzo ata agora, e especialmente nalgunhas comunidades con risco alto. Non podemos abrir a comunidade autónoma sen límite”.

Así mesmo, continuarase “coa progresiva apertura das residencias da terceira idade”. Neste senso, amplíanse as visitas aos residentes a calquera persoa, tendo en conta que antes eran só dúas persoas escollidas como referencia. Teñen que facerse esas visitas de un e un e con cita previa. Así mesmo amplíanse tamén os días nos que os maiores poderán saír ás rúas (pasa de dous a tres días á semana).

Aínda así Feijóo amosaba a súa preocupación pola “proliferación de novas cepas. Está no 90% dos casos secuenciados. E tamén nos preocupa a cuarta onda, que xa é unha realidade nalgunhas comunidades autónomas, dada a interacción e circulación dentro de España”.

Artigos relacionados

Back to top button