CulturaCulturaGalerías de fotosO Sil agosto 2016Última hora

O toque dos folións enche Trives en agosto

O Entroido de Verán forma parte do programa da VIII Mostra do Patrimonio Inmaterial que organiza A Caniceira

Ritmo de bombos para afastar ao trono. Na tarde do 15 de agosto algúns dos toques do Entroido do oriente ourensán resoaban pola vila trivesa e retaban á treboada que ameazaba o desfile dos folións previsto para as sete e media. Finalmente, e malia que choveu suavemente, o tempo non puido coa tradición e bombos e Boteiros tomaban as rúas para recrear unha das manifestacións máis senlleiras do oriente ourensán: o seu Entroido.

Este desfile, que concluía na praza do Reloxo, abríano os anfitrións e organizadores da cita, A Caniceira. De seguido saían Os Viticultores de Vilamartín, Os Arrieiros de Petín, Os Labregos e As Maceiras (os dous de Trives). Tampouco faltaban as comparsas, e mesmo un gorila co seu domador e mesmo cun singular toureiro que sorprendía e, nalgúns casos, daba algún que outro susto ao público que seguía con atención á comitiva.

Tras o desfila, os organizadores convidaban aos folións participantes a unha merenda na Casa da Cultura. Este Entroido de Verán, que incluía asemade unha sesión vermú na mañá do domingo a cargo das Macizas Centrais e unha ronda da Banda de gaitas de Trives, formaba parte do programa da VIII Mostra do Patrimonio Inmaterial organizada pola Asociación Cultural A Caniceira.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez
Máis e fotos e información sobre a VIII Mostra do Patrimonio Inmaterial:
https://osil.info/os-cantos-de-taberna-conquistan-noite-trivesa/
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button