SanidadeÚltima hora

O total de casos activos de Covid na Área Sanitaria de Ourense é o máis alto de Galicia

Con 322 casos a día de hoxe os de Ourense preto do sesenta por cento corresponden ao nucleo Ourense-Barbadás

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Tras unha quincena de aumento progresivo, o total de casos activos de Covid19 na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras é, con 322, o máis alto de Galicia e supón xa o 23,5% dos da Comunidade Autónoma. Dacordo coa última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.367. Deles 317 na Área Sanitaria da Coruña, 134 na de Lugo, 114 na de Pontevedra, 263 na de Vigo, 123 na de Santiago e 94 na de Ferrol.

Na provincia de Ourense os casos activos concéntranse no núcleo poboacional de Ourense-Barbadás, que alcanzan preto do sesenta por cento da incidencia provincial, con 173 casos de Covid19 en Ourense e 16 no municipio veciño. Destaca igualmente a evolución de Allariz, que rexistra a día de hoxe 34 casos, o que supón unha taxa moi por riba da provincial e a galega.

A nivel hospitalario doce persoas están ingresadas nos hospitais públicos da rede pública provincial, once no Universitario de Ourense, un deles na unidade de críticos, e outro no Hospital de Verín, que volta a contar con pacientes Covid tras meses sin ingresos.

Os diagnósticos veñen da man dun intenso traballo de traza e control para a realización de probas. Mostra delo é que, tan só nos últimos sete días, na provincia realizáronse 3.653 PCRs e 2.701 test antíxenos, gran parte deles desde os centros de Atención Primaria. En suma, un total de 6.354 probas en sete días, cunha taxa de positividade, respectivamente, de 4.65% e 2.63%, e que permitiron detectar 241 positivos.

Menor incidencia entre os maiores

Tras a realización de mais de mil probas diagnósticas no día de onte, detectáronse 37 novos contaxios. O 55,7% concentrados no concello de Ourense, e cunha distribución por idades que amosa unha menor incidencia entre os maiores de 80, entre os que se intensifica a campaña de vacinación estes días.

Dos contaxios de onte, tan só o 5.6% pertencen a este grupo de idade, que esta mesma semana contarán xa coa terceira dose, mentres que o 36.9% pertencen ao grupo de mediana idade, entre 40-49 anos, sendo igualmente reducido número de menores de 12 anos, o 10.5%.

Artigos relacionados

Back to top button