CulturaCulturaEn portadaEntroidoÚltima hora

O traballo xornalístico do Periódico O SIL, nas “X Xornadas sobre o Entroido de Galiza”, en Pontevedra

A revista "Entroido en Galicia" presentábase nese foro que promove a Sociedade Antropolóxica Galega

 

Nun marco tan especial como o Convento de Santa Clara de Pontevedra botaban a andar na tarde de onte as “X Xornadas sobre o Entroido de Galiza”, organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (Saga). Entre os participantes da primeira da primeira das dúas sesións do encontro estaban o director de O SIL, Carlos García, e unha das súas redactoras, María Ángeles Rodríguez, coa conferencia “Periódico O SIL: 25 anos poñendo en valor a cultura do Entroido en Galicia”.

Na súa intervención, que introducía o presidente da Saga, Rafael Quintía; explicaban como nacía o que hoxe é a revista “Entroido en Galicia”, cun carácter anual e a única publicación deste tipo centrada nesta tradición na comunidade autónoma. “Esta revista, como tal nacía no 2014, pero o seu plantexamento e contidos constitúen a evolución natural dun amplo especial sobre o Entroido que o Periódico O SIL vén realizando dende o seu nacemento como medio de comunicación alá por 1996. E, dicir, que xa dende un principio puxemos o foco na importancia e valor desta tradición que se ten conservado, principalmente nas aldeas de montaña da provincia de Ourense”, indicaba Ángeles Rodríguez.

Nese senso, Carlos García explicaba o proxecto xornalístico do Periódico SIL, escrito integramente en galego e de información xeral, editado pola empresa de comunicación GARHERVE, SL., o seu ámbito de influencia, así como as súas cabeceiras dúas en papel (O SIL e O SIL Deportivo) e o diario dixital (Osil.info). A isto “súmanse unha serie de suplementos en papel de diferentes temáticas como Turismo, Viticultura, Lousa e a revista “Entroido en Galicia”.

 

O presidente da Saga, xunto ao director do Periódico O SIl e a unha das súas redactoras, na conferencia./ Foto: Carlos Ares.

 

“Hai 25 anos, cando nós empezamos, o Entroido non suscitaba interese informativo, non lle interesaba aos medios de comunicación. Nós somos da zona da alta montaña do Macizo Central e estamos en permanente contacto cos veciños do rural, que foi onde se conservou esta tradición. Polo tanto, nós xa coñeciamos a coñeciámonos e decatámonos da súa gran riqueza e diversidade e tamén do que significa para os veciños. Para eles é moito máis que unha festa, é unha cultura e un sentimento ao que lle poñen son, versos, danzas… Para eles é un sinal de identidade”, sinalaba a redactora Ángeles Rodríguez.

Por iso, o equipo do Periódico O SIL Partindo diso decidimos, a través do noso labor xornalístico, poñer en valor o Entroido nas súas diversas e xenuínas manifestacións, recollelas e divulgalas. E así foron xurdindo os especiais anuais que se publicaban con anterioridade ás datas centrais do Entroido, que co tempo, foron aumentando en páxinas e contidos, evolucionando tamén en deseño e formatos ata chegar no 2014 ao que hoxe é “Entroido en Galicia”, unha publicación independente, con formato de revista e cunha paxinación media dunhas 160 páxinas, todas a cor”, engadía a xornalista.

 

Outro dos momentos da conferencia./ Foto: Carlos Ares.

 

Despois detallaba cada unha das seccións e contidos desta publicación, con reportaxes e numerosas entrevistas, que pon o foco no Entroido rural da provincia de Ourense, pero tamén incluíndo as súas manifestacións urbanas e a tradición do resto de Galicia, así como de zonas limítrofes como Castela e León (Zamora e León), así como no nordeste de Portugal.

Ángeles Rodríguez finalizaba a súa intervención expresando o agradecemento do Periódico O SIL “á colaboración desinteresada de moita xente que, co seu esforzo, ilusión e contribución segue defendendo e mantendo viva esta festa”, así como “a todos aqueles que se interesan pola cultura do Entroido”.

Fotos: Carlos Ares.

Máis información e fotos:

Nieves Amado amosa o Entroido “durminte” de Rebordechao (Serra de San Mamede) nas xornadas da Saga

Artigos relacionados

Back to top button