OurenseÚltima hora

O tramo espectáculo do 55 Rallye de Ourense disputarase o 17 de xuño polo centro da cidade

O tramo urbano terá a Ponte do Milenio como principal protagonista

Iván Ares no tramo de Toén na pasada edición do ROU./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O tramo espectáculo do Rallye de Ourense disputarase o venres 17 de xuño e por primeira vez será polo centro da cidade.

Tras unha reunión mantida entre o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Escudería Ourense, Alejandro Fraga, chegouse a un acordo para a celebración -con motivo da 55 edición do Rallye de Ourense- dun tramo urbano que terá a Ponte do Milenio como principal protagonista e que levará a denominación de Concello de Ourense.

Será un percorrido de arredor de dous quilómetros de lonxitude, no que os principais equipos nacionais de rallys enfrontaranse diante de miles de ourensáns no serán do venres, sendo tamén o tramo que pechará a primeira etapa da cita valedoira para o Super Campionato de España de Rallys.

Partindo da rúa Xesús Pousa, os participantes enfilarán a Ponte do Milenio con diferentes chicanes, pasos e cambios de rasante, para bordear as diferentes rotondas que levan ata o Pazo de Xustiza na rúa do Progreso, onde o tramo tomará de novo dirección cara a Ponte do Milenio rematando de novo na rúa Xesús Pousa.

“Por primeira vez o Rallye de Ourense poderase gozar na cidade, algo inédito que seguro resultará todo un éxito pola espectacularidade do trazado e a súa contorna, que dará unha imaxe da nosa cidade diferente grazas á importante repercusión que teñen sempre os rallyes, e a enorme afección que existe en Galicia, León e o norte de Portugal” comentaba Gonzalo Pérez Jácome logo da reunión.

O alcalde subliñou que este percorrido daralle singularidade ao tramo, conferíndolle un punto de diferenciación ao Rallye de Ourense fronte a outras citas españolas, de xeito similar á do Gran Premio de Mónaco de Formula 1, que percorre tamén un treito urbano. Será, dixo, un grande espectáculo que poderán presenciar uns 15.000 espectadores, e que contará tamén cunha presenza mediática moi superior: “Terá unha gran visibilidade, será moi divertido para o público, e celebrarase en días previos ás festas de Ourense. Será unha cita que poderemos desfrutar todos os ourensáns e que poñerá o Rallye de Ourense unha vez máis no máis alto de España”, concluiu o rexedor.

 

Artigos relacionados

Back to top button