Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O traslado de Santa María Nai pecha a Semana Santa na cidade das Burgas

Ourense pechou hoxe, 17 de abril, a Semana Santa. A encargada de pechar os actos relixiosos neste Domingo de Resurrección foi a imaxe de Santa María Nai. Os actos iniciáronse cara ás once e media da mañá cunha misa na capela de Santa María Nai e logo a patroa foi trasladada á Catedral de Ourense, que volveu ser o epicentro cunha misa oficiada polo bispo da Diocese, Xosé Leo nardo Lemos.

Tras os actos relixiosos e a bendición papal de Xosé Leonardo Lemos, a imaxe de Santa María Nai foi trasladada á súa capela, preto da Praza Maior. Antes de sacar a imaxe do templo catedralicio entrou a Corporación Municipal, encabezada polo concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, como portador do estandarte da cidade das Burgas. Tras el, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Educación, Belén Iglesias e a recén nomeada concelleira de Comercio, Flora Moure; entre outros.

A comitiva relixiosa, municipal, os cofrades e os devotos saíron da Catedral pola porta da rúa Juan de Austria. A procesión baixou por devandita vía para xirar cara á esquerda, pola rúa Lamas Carvajal, pasando por diante da Igrexa de Santa Eufemia e polo Liceo, para desenbocar na soleada Praza Maior.

O cortexo procesional atravesou toda a praza para rematar na escalinata que sobe ao templo da patroa. Cando a comitiva relixiosa ascendeu até o templo, os membros da corporación municipal agardaron abaixo par, cunha inclinación da cabeza, despedíronse do bispo e do cabildo, que entraron na igrexa acompañado á imaxe.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button